A Xunta de
Galicia abre mañá o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia
Emprega, tras a publicación hoxe das convocatorias no Diario Oficial de Galicia
(DOG). O obxectivo é favorecer a formación e a contratación de máis de 1100 mulleres,
parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco
de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis
dificultades para atopar un emprego.
Galicia
Emprega conta cun orzamento global de 10,5 millóns de euros -un 12% máis que na
convocatoria de 2019- para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de
favorecer os contratos asociados á posibilidade de mellorar a formación. Inclúe
catro liñas de axudas
-Emprega Muller, Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión
Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude-. Impúlsase,
deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta
á hora de acceder ao mercado laboral.
Por unha
banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que
poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra,
ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación
indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.
Con
respecto ao bono formación, nos catro programas incentívase con 2000 euros a
cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12
meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é
indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que
acadar as 70 horas.
En canto
aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa e poden alcanzar
os 16.000 euros. Ademais, aumentan nun 25%, segundo a liña, para aquelas
empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras pertencentes a sectores
estratéxicos que teñan unha taxa de estabilidade nos seus cadros de persoal do
70%; no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural; ou
se as persoas incorporadas son mulleres; maiores de 45 anos; ou emigrantes
retornados.