O cociñeiro e dono do Restaurante ‘Eirado da Leña’, de Pontevedra, Iñaki Bretal, participou na terceira das Aulas Gastronómicas Galicia Calidade, impartida nesta ocasión ao alumnado do CIFP Manuel Antonio, de Vigo. No decurso dun obradoiro no que participaron máis de 50 alumnos repartidos en dúas sesións formativas en horario de mañá e tarde, o recén estreado Estrella Michelín realizou un menú composto por tres pratos baseado na esencia dos produtos naturais de km 0 e dos avalados pola marca Galicia Calidade.
Concretamente, os produtos utilizados nesta ocasión foron patacas de Patatas Conde, pescada de Puerto de Celeiro, touciño entrefebrado Torre de Núñez e vinagre de sidra Maeloc de Customdrinks. Na Aula Gastronómica Galicia Calidade tamén colabora a Fundación Artesanía de Galicia, achegando a vaixela e a menaxe coa que se elaboran as propostas gastronómicas.
Precisamente, foi a delegada da Xunta de Galicia en Vigo Marta Fernández a que presentou a Iñaki Bretal ao que se referiu como un referente da actual cociña galega que tamén conta coa marca Galicia Calidade e cun modelo de saber facer fundamentado nas propiedades e no sabor auténtico e propio dos produtos naturais. Marta Fernández subliñou que o dono do ‘Eirado da Leña’, “sabe sacarlle o mellor proveito para ofrecerllo a un cliente cada vez máis esixente e amante deste tipo de cociña”. A delegada felicitou publicamente ao cociñeiro pontevedrés pola consecución da Estrella Michelín que referenda a súa aposta persoal e profesional nos fogóns galegos.
Durante o obradoiro gastronómico, Iñaki Bretal dirixiu ás dúas quendas de alumnos e alumnas na elaboración de vieira lañada e afumada sobre un crujiente de touciño entefebrado, zume de codium e emulsión dos seus corais, ademais dunha xarda escabechada en vinagre e toques afumados de fiuncho e verdolaga mariña escabechada. A terceira proposta do cociñeiro do ‘Eirado da Leña’ foi unha pescada de Celeiro, crema de patacas, algatinado escaldado en vinagre de arroz e salicornia en tempura.
O alumnado do CIFP Manuel Antonio que participou nos dous obradoiros está a cursar este ano estudos de Cociña e Gastronomía, Dirección de Cociña e Cociña e Gastronomía.
Traxectoria profesional
Iñaki Bretal estudou no Centro Superior de Hostalería de Galicia e complementou a súa formación realizando cursos en San Sebastián, Madrid e Barcelona.
Na actualidade é propietario e cociñeiro do restaurante ‘O Eirado da Leña’, que conta coa Estrella Michelín, o distintivo Q de Calidad e o selo Galicia Calidade. Ademais, tamén dirixe e cociña no gastrobar ‘Loaira’, de Pontevedra, incluído na Guía Michelin; no restaurante tradicional ‘Anda’ de Lugo; no catering ‘O Eirado Eventos’, no salón de banquetes ‘Pascuais Eventos’ de Lugo e no restaurante ‘Farmacia de Guardia’, de Madrid.
Con anterioridade, traballou no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, na Pastelería Mallorca de Madrid, e nos establecementos de Sarria, Santander e Palacio de Vigo da cadea NH Hoteis. É profesor do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e forma parte do Grupo Nove.
Ten colaborado co Pazo Quinteiro da Cruz e co Centro de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra en investigación e desenvolvemento de aplicacións da camelia na gastronomía.
Participou en showcookings e conferencias en San Sebastián, París, Toronto, Valladolid, Londres, Buenos Aires, Frankfurt, Nueva York, Berlín, Tokio, Hamburgo, Munich, México D.F., Colonia, Dusseldorf, Osaka, Kiel, Estocolmo, entre outras cidades españolas e internacionais.
A Aula Gastronómica Galicia Calidade vén de celebrase no CIFP Compostela, en Santiago de Compostela, coa restauradora Lucía Bretal; no CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, coa cociñeira María Varela e continuará no mes de xuño no IES de Foz con Yayo Daporta.