O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aposta da Comunidade pola competitividade dos seus produtos, cunha nova Lei de calidade alimentaria que impulsará as denominación de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, así como outras figuras como o selo de artesanía alimentaria.
Baixo o obxectivo de que o novo texto estea aprobado o vindeiro ano, Feijóo subliñou que con esta iniciativa reforzarase tamén o control para loitar contra as prácticas desleais, tanto na produción como na comercialización; ademais da actualización do catálogo de infraccións e do procedemento sancionador, adecuándoo á realidade actual e tendo en conta o cada vez maior volume de vendas que se realizan a través de internet.
Así mesmo, a normativa facilitará a adaptación ao Pacto Verde Europeo e os Obxectivos de desenvolvemento sustentable, que promove a orientación do sistema alimentario cara á sustentabilidade, a innovación e a transición xusta.
Por outra banda, a nova Lei perseguirá un maior control sobre as entidades privadas de certificación alimentaria, que deberán realizar unha declaración responsable cando exerzan actividades relacionadas coa verificación do cumprimento de esquemas de certificación públicos (como a produción integrada, o etiquetado facultativo de carne de aves, as especialidades tradicionais garantidas, etc.); e introducirá criterios para que nas compras públicas se aposte por produtos frescos, de tempada, ecolóxicos, de proximidade e de calidade diferenciada.
“En definitiva, estamos a falar dunha lei para unha nova realidade alimentaria, que poña en valor toda a cadea da agroindustria galega, para priorizar os produtos frescos e de proximidade de Galicia” dixo, incidindo no obxectivo de achegar aos consumidores todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.
O novo texto lexislativo actualizará a Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega de 2005, dando resposta aos cambios experimentados na produción e comercialización alimentaria, á incorporación das novas tecnoloxías e de diferentes formas de comercialización.