O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e do bufete de avogados J&A Garrigues co obxectivo de afondar na estratexia de defensa dos intereses da frota galega ante o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 áreas de augas comunitarias. Nesa xuntanza abordaron distintas cuestións vitais para dar solidez ao recurso presentado pola entidade lucense ante a Xustiza europea e no que a Xunta se vai presentar como parte coadxuvante.
A Xunta vaise presentar como parte coadxuvante no procedemento iniciado ante a Xustiza europea pola OPP-7 co fin de acadar a suspensión temporal da prohibición de faenar en 87 áreas de augas comunitarias e a súa anulación definitiva.
O Executivo galego avanza así na liña de traballo marcada desde o primeiro momento polos xuristas especializados aos que solicitou asesoramento e que incidían en que a mellor fórmula dunha rexión para defender os intereses do seu sector ante o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea era acompañalo como parte coadxuvante. A opción de iniciar unha acción directa, aclaraban, tería poucas posibilidades de prosperar.
Ante esta situación, a Consellería do Mar recorreu ao bufete J&A Garrigues, con xuristas especializados en dereito comunitario e coñecedores da materia, para apuntalar a estratexia galega e obter os mellores resultados posibles ante unha medida que pretende protexer zonas que contan con ecosistemas vulnerables ou nas que é posible que existan.
De feito, unha vez que o recurso da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela saíu publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) -o pasado 6 de febreiro- a comunidade ten un prazo de seis semanas -ata o 20 de marzo- para exercer a súa potestade de actuar como parte coadxuvante. Precisamente, esta reunión enmárcase no traballo previo e de preparación da intervención da Xunta no procedemento iniciado polos armadores da OPP-7 para tratar de anular o veto á pesca de fondo.
O Executivo galego lembra que as restricións se aprobaron de xeito arbitrario e sen informes biolóxicos e socioeconómicos que as avalen, o que provocou paradoxos como que unha das artes máis selectivas, o palangre de fondo, sexa das máis afectadas.
Deste xeito, o Executivo galego reforza o seu apoio ao sector na loita contra esta decisión pois no seu momento xa lle aportou tanto os argumentos recompilados por distintos xuristas especializados consultados como as estimacións do impacto que este veto podía ter na frota. Esas mesmas teses e información foron trasladadas tamén ao Goberno central para reforzar o seu recurso contra o veto decretado por Bruxelas.
FINALIDADE
O obxectivo da frota de Burela e da Consellería do Mar é acadar tanto a suspensión temporal da aplicación desta prohibición como a súa anulación definitiva tendo en conta que se trata dunha medida adoptada de xeito totalmente arbitrario, sen contar cos correspondentes informes biolóxicos e socioeconómicos que a avalen.
Neste sentido, boa mostra de que o veto se aprobou malia carecer das correspondentes avaliacións técnicas é o paradoxo de que unha das artes máis selectivas que existen, o palangre de fondo, sexa a máis afectada polas limitacións neses 87 espazos de augas comunitarias.
A prohibición da pesca de fondo afecta a arredor de 200 buques galegos de xeito directo ben porque non poden traballar nas zonas vedadas ben polo solapamento de áreas de pesca, é dicir, pola concentración no mesmo espazo das embarcacións que viñan faenando tradicionalmente alí e das expulsadas polas novas restricións.