A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza en Mondariz un curso sobre iniciación e mellora das gandarías de ovino e cabrún. O curso terá lugar na casa do Concello a vindeira semana, concretamente entre o luns 24 e o xoves 27 de agosto. Este curso levarase a cabo tamén ao longo dos vindeiros meses de setembro e outubro noutros concellos da Comunidade.
A acción, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración de 24 horas. En concreto, o curso proporcionará unha formación teórico-práctica en aspectos básicos das gandarías de ovino e cabrún, así como nas instalacións e sistemas de manexo. Tamén se tratará a alimentación e a implantación de pradarías, fertilización e cambio climático, o manexo reprodutivo, pautas sanitarias e a iniciación ou transición á gandarías ecolóxicas. Do mesmo xeito, abordarase a xestión técnico-económica para reforzar a estratexia das explotacións, pasando polas axudas, os trámites administrativos e sistemas de comercialización da produción.
O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento das actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír á implementación dos coñecementos dos agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.
Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agropecuario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. Para iso, abórdanse temáticas relacionadas coa reordenación das producións, o emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e a protección do medio.
Con esta formación promóvese que o sector agropecuario e silvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se busca que as granxas sexan respectuosas co medio ambiente e resistentes ao cambio climático, traballando con sistemas de produción que vaian en harmonía cos recursos naturais.