lunes. 29.04.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entregou hoxe o diploma de certificación do selo Galicia Calidade á cooperativa láctea Bico de Xeado. Un recoñecemento, tal e como sinalou, ao espírito innovador da compañía e á súa contribución á xeración de emprego e riqueza desde o rural e a través duns xeados 100% artesanais elaborados con materias primas de excelente calidade.

Durante unha visita polas instalacións da empresa no polígono de Bergondo (A Coruña), Conde quixo destacar a Bico de Xeado como un claro exemplo dos novos proxectos de emprendemento que están nacendo no sector agroalimentario galego vinculados á innovación e a sustentabilidade. Creada no 2012, a marca conta xa cunha vintena de postos de venda repartidos por toda España e unha gama de produto de preto de 30 sabores distintos.

“O selo Galicia Calidade vén de reforzar este éxito de mercado que o consumidor aprecia por unha imaxe de marca que evoca tradición, sustentabilidade e deseño”, manifestou Francisco Conde, ao mesmo tempo que extrapolou este recoñecemento ao traballo dos gandeiros e o sector primario galego en xeral.

Coa mirada posta no futuro, o vicepresidente económico indicou que os retos da industria alimentaria pasan pola dixitalización das cadeas de valor; un maior control da trazabilidade dos produtos; e o máximo aproveitamento dos descartes e residuos para lograr unha economía circular. Neste sentido, apuntou á gran oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para que a industria vexa nacer novas iniciativas neste novo marco de transición dixital e ecolóxica.

Con Bico de Xeado xa son máis de 140 as empresas galegas que contan na actualidade co selo de Galicia Calidade, unha distinción que busca impulsar a competitividade e achegar confianza e seguridade aos consumidores.

'Bico de Xeado', selo de garantía de Galicia Calidade