A tempada de pesca deste ano en Galicia comezará o vindeiro 20 de marzo e rematará o 31 de xullo. Así se establece na orde anual publicada hoxe no DOG na que se recollen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais galegas.
Así, no caso concreto do salmón, o período hábil abranguerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da tempada en función das capturas. Nos tramos compartidos do río Eo e nos coutos do Ulla, o período rematará o 30 de xuño.
A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros (45 cm nos coutos compartidos con Asturias). A ratio anual no río Ulla queda fixada en 30 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 5; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no Miño fíxase en 8; e no couto de Salmeán, en 10. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
Co obxecto de colaborar na mellora da poboación do salmón nas augas do Ulla, ao igual que se fixo na pasada tempada, cando se capture un exemplar desta especie nos coutos de Ximonde ou Santeles establécese un procedemento de doazón voluntaria para destinalo a reprodución artificial na piscifactoría de Carballedo ou a marcaxe e seguimento da súa migración no río.
En relación cos engados, poden ser naturais autorizados, como as miñocas e quisquillas, ou artificiais, que son elaborados imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar, por exemplo, a mosca artificial, a culleriña e peixes artificiais ou semellantes.
REO
A tempada hábil para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, a tempada prorrogarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde ata o 31 de agosto.
Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que para o salmón, ao que se suma tamén o risco. No que respecta aos naturais, permítense todos agás calquera tipo de ovas de peixes e o peixe natural, e en augas salmoneiras tampouco se permiten os cebos naturais, agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
TROITA
Para a especie da troita a tempada comezará o 20 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.
Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros. En canto aos engados, son os mesmos que os da tempada pasada.
Por outra banda, durante a tempada 2022 védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa, espiñento, zamborca e anguía. A pesca da saboga só se autoriza no tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura entre o 1 de maio e o 12 de xuño.
Así mesmo, autorízase exclusivamente dentro dos ámbitos territoriais que se indican na orde a pesca das seguintes especies exóticas invasoras: perca americana, carpa, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal.
Xornadas hábiles
Con carácter xeral decláranse os luns como días inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 14 de abril (Xoves Santo), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada couto.