sábado. 19.04.2025

A celebración polos cristiáns dunha nova Semana Santa, é dicir, da pasión, morte e resurrección de Xesús, dános un bo motivo para pór a nosa atención nas circunstancias do falecemento das tres autoridades –política unha e as outras dúas relixiosas– responsables do seu axustizamento: Pilato, Caifás e Anás.

Segundo as fontes historiográficas e a tradición, os tres caeron en desgraza ao final das súas vidas e morreron de maneira tráxica, nunha sorte de xustiza poética (tal vez divina).

Confabuladas para matalo, as autoridades xudías condenaron a morte a Xesús por blasfemia, pois declarárase “fillo de Deus”, pero elas non tiñan autoridade para axusticialo, polo que necesitan que os romanos –os únicos que podían facer matar un reo– o condenasen por rebelión, cargo que conlevaba a pena capital.

Pilato e o seu descenso aos infernos

Pilato, prefecto de Xudea e de quen sabemos polos Evanxeos e polo historiador xudeorromano Josefo Flavio que era un rexidor especialmente cruel, foi apartado do seu cargo por Vitelio, gobernador de Siria e o seu superior inmediato, e enviado a Roma para render contas ante o emperador Tiberio pola matanza dun grupo de samaritanos que se concentraran no monte Guerizim na procura dun fato de reliquias preciosas sepultadas supostamente polo propio Moisés. 

25 photo_2025-04-14_17-35-51
Poncio Pilato, na recreación do Vía Crucis de Salvaterra. 

Tiberio morreu no ano 37, antes de que Pilato puidese chegar a Roma. A partir de entón, non volvemos saber nada do exprefecto. O baleiro de información encheuse de lendas e apócrifos, un deles o chamado Evanxeo de Nicodemo, que inclúe unha serie de textos sobre o “descenso ao inferno” de Pilato.

Porén, a igrexa copta ortodoxa e a igrexa ortodoxa de Etiopía recoñéceno como santo e mártir. A segunda, canda a súa esposa Prócula, que, segundo os Evanxeos, lle pedira que ceibase a Xesús porque tivera un mal soño relacionado con el.

Caifás, suicidado ou asasinado

Caifás, sumo sacerdote durante o proceso e condena a morte de Xesús, sucedeu o xeu xenro no cargo, no que estivo dezaoito anos, un espazo de tempo excepcionalmente longo, o que se explicaría polas boas relacións que debeu de manter con Pilato, algo tamén anormal, tendo en conta os recorrentes insultos do procurador á relixiosidade do pobo, denunciados ante as autoridades xudías.

Caifás pasou á historia por unha frase moi famosa: “Convén que morra un home só polo pobo e non que pereza a nación entera” (Xn 11:50).

O sumo pontífice foi destituido no ano 36 polo devandito Vitelio. A súa caída foi máis ca significativa, tendo en conta que levaba case vinte anos no posto. Tamén significativamente, a súa remuda coincidiu no tempo coa de Pilato.

Despois da súa destitución, o silencio fíxose igualmente sobre el. Algúns textos apócrifos e lendas medievais adxudícanlle unha fin terrible: suicidouse, sufriu unha enfermidade espantosa, foi executado polo romanos ou asasinado por compatriotas.

En 1990 foi descuberta a súa tumba, en realidade unha tumba familiar. Un achado extraordinario, porque é a primeira vez que os estudosos disponen dos restos físicos dun personaxe nomeado na Biblia.

Anás, aforcado ou morto tolo a cabezadas

Anás, sogro de Caifás, antecedera o seu xenro no cargo de sumo sacerdote, pero cando tivo lugar o proceso de Xesús aínda gozaba desa consideración e de feito presidía o Sanedrín, o alto tribunal xudeu. Alén diso, foi cabeza dunha extraordinaria dinastía de sumos sacerdotes: ademais do seu xenro, cinco dos seus fillos desempeñaron tamén ese cargo.

A tradición adxudícalle igualmente unha morte tráxica: falecería louco, pegándose cabezadas contras as paredes, ou aforcado por ordes do seu propio xenro Caifás.

Recreación do Vía Crucis de Salvaterra.
Recreación do Vía Crucis de Salvaterra.

Na Divina comedia de Dante, ambos os dous son castigados e torturados na terra, na fosa dos hipócritas, pisados polos outros condenados.

Caifás, Anás e Pilato. Os tres responsables directos da morte de Xesús. Os dous primeiros non pararon ata asegurarse de que sería axusticiado. O terceiro non quixo liberalo por medo aos xudíos, para salvar o seu propio pelello. Ao final, os tres tiveron tamén un final tráxico. Xustiza poética ou tal vez divina.

A tráxica fin de Pilato, Caifás e Anás, os responsables directos da morte de Xesús
Comentarios