O mosteiro de Santa María de Montederramo foi testemuña do enxalzamento da 'Ribeira Sacra. Onde todo pode ocorrer' por parte de Queiman e Pousa. Os artistas conseguiron reunir todos os homes e mulleres de prol desta terra -adegueiros, xente do turismo, hostalaría e restauración, así como representantes das asociacións, políticos...- nun evento de hora e media presentado por Marta Darriba e con colaboradores como Mar Sotelo. Asistiu o actor galego Morris e o presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar. DL-G falou cos protagonistas ao remate do acto.
Andrea Pousa sinalou que se trata “dun proxecto audiovisual extraordinario, un dos máis importantes de Queiman e Pousa que divulga e difunde a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e como un dos interiores máis bonitos que ten a nosa terra, Galicia”. Para a artista tomiñesa temos que “unirnos para sacar o mellor desta terra que ten moitísima riqueza que está agochada e témola que difundir da mellor maneira posible. Nós, como produtora audiovisual, Temos outra forma de difundir, cun vídeo clip e un documental, o renacemento da Ribeira Sacra. Contamos con moitos colaboradores e patrocinadores que apostaron por este proxecto. Tampouco sería posible sen toda a xente que vive na Ribeira Sacra. O vídeo está inspirado na xente que vive a día de hoxe aquí e que lle saca proveito co seu traballo, ou aqueles que pasan o seu tempo de lecer”.
Bruxo Queiman defínese neste proxecto coma “un espectador da Ribeira Sacra. Un actor-monxe que habita este mosteiro de Montederramo, cando a raíña dona Teresa de Portugal entregou a carta de doazón do inmoble aos monxes bieitos”.
A comunicadora de redes sociais e xestora cultural, Mar López Sotelo, destaca que leva 7 anos difundindo a Ribeira Sacra e apoiando a candidatura a Patrimonio da Humanidade. “Pero foi hoxe cando puxemos a Ribeira Sacra no mapa grazas a Queiman e Pousa. A Ribeira Sacra agora coñécese, non só polas redes sociais, senón en toda España e parte do estranxeiro. Moita xente que estivo no evento levará o recordo desta viaxe”.
Pola súa parte, Marta Darriba, xornalista e presentadora do Telexornal da TVG e deste evento, cualifícao de “emocionante”. Darriba lembra como Queima e Pousa, nunha tarde xa de verán, e cunha botella de viño da Ribeira Sacra por medio, ofrecéronlle ser partícipe neste proxecto, “poder presentar este evento no mosteiro de Montederramo. Desde entón o que me transmitiron foi sentimento, paixón, corazón e amor pola terra”.
E continúa a xornalista: “Era un pouco allea a esta terra aínda que a coñecía, pero non tan fondamente como agora”.
Para a presentadora, Queiman e Pousa teñen o mérito de “situar a Ribeira Sacra onde debe estar. É unha terra de unión que debe ser coñecida internacionalmente. Eles, Queiman e Pousa, entre os seus grandes logros conseguiron gravar un documental onde xuntaron ‘os sete tolos’ (os adegueiros pioneiros), sendo unha tarefa moi complexa e moi dura. Somo todos testemuña desa gran foto de familia que se fixo aquí. Eles son o xermolo, a orixe desta Ribeira Sacra que hoxe demos a coñecer internacionalmente. Para min é unha honra formar parte deste proxecto que a partir de agora forma parte do meu corazón; son iso, amor, corazón e sentimento”.