sábado. 11.01.2025

O novo equipo ciclista porriñés de categoría elite e sub-23, masculino e feminino, 'Louriña Cycling Team' participa esta semana na Volta a Cantabria. Trátase da primeira volta por etapas na que participa esta nova formación que ten como patrocinador principal ao Concello do Porriño, despois da súa estrea oficial nos Campionatos de España de fondo e contra reloxo celebrados hai unhas datas en Jaén. 

David Alonso, concelleiro de Deportes, explicou que “o obxectivo que perseguimos co patrocino a este novo equipo, é dar unha solución de futuro aos novos valores que xorden das categorías inferiores para que poidan ter unha continuidade nas categorías sub-23 e elite”.  O concelleiro precisou que "se pretende reter no Porriño a eses novos valores que ata de agora emigraban a outros equipos da contorna”.

Onte, na primeira etapa da Volta a Cantabria, o corredor do equipo porriñés, Gustavo Rodríguez, campeón de España de triatlón de longa distancia, entrou no grupo cabeceiro a un minuto do gañador, Kevin Suárez. E Roberto Mediero, o líder do “Louriña Cycling Team” e actual campión galego elite, quedou descolgado por culpa dun pinchazo.

Para os que estean interesados deixamos ligazón para poder seguir o desenvolvemento das etapas que se retransmiten por streamming a través de Youtube.

'Louriña Cycling Team', na volta a Cantabria