Esta fin de semana comeza o mes de febreiro cunha gran variedade de probas e eventos deportivos, entre os que destaca o Campionato Xunta de Galicia Absoluto indoor. A competición poderase seguir tanto en directo como por streaming este domingo a partir das 10:45 da mañá.
Preto de catrocentos atletas galegos e galegas competirán no recinto cuberto ourensán na procura de medallas e mínimas para participar en diversas competicións estatais e internacionais ao longo deste 2025. Emoción, igualdade e espectáculo están garantidos na cita invernal máis importante do ano para o atletismo galego.
As probas de velocidade, que arrancarán cos 60 metros, serán un dos pratos fortes do campionato. En categoría masculina, tres atletas, liderados por Adrián Pérez do CAPEX con 6.95, baixaron este ano dos sete segundos. Na categoría feminina, Cristina Garrido da Gimnástica, con 7.74 este ano, tentará responder a Antía Pernas do Lucus, que ten a segunda mellor marca das inscritas.
Os 200 metros terán nos atletas do Celta Jorge Román e Ricardo Cortizo, separados por tan só tres centésimas, outro dos puntos álxidos do campionato. Andrea Pais do Celta, pola súa banda, parte a priori con opcións máis claras grazas aos seus 25.07 deste ano.
Nos 400 metros, o máximo interese estará en ver a evolución de Jacobo Soler, que recentemente marcaba 47.39 no pasado Meeting Internacional de Ourense, o que fai encher de esperanzas a renovación do récord máis lonxevo do atletismo galego, que ostenta Isidoro Hornillos con 46.24 desde o ano 1979. En mulleres, reaparición, logo de distintos problemas físicos, de Paula Iglesias, que arrinca con moita forza e na que o duelo coa campioa galega e internacional Alicia Barreiro do Ría Ferrol estará servido.
A proba de 800 metros contará coa presenza do internacional coruñés Elian Numa do Vicky Foods, que terá entre outros a Fernando Vales do At. Santiago, a quen vimos coa selección galega no equipo de remudas o pasado fin de semana, como o seu principal opoñente. Na categoría feminina, Irma Veiguela do Ourense Atletismo defenderá a súa mellor marca do ano diante da campioa galega Celia Castro, así como de Sabela Martínez da Gimnástica.
A tamén campioa galega 2024 indoor Amparo Corredoira da At. Lucense estará na saída dos 1.500 metros, aínda que a mellor por ranking este ano é Leyla Villar do Ourense Atletismo con 4:34.92. Pola súa banda, David de la Fuente do Pinarium fará valer o seu mellor rexistro sobre o grupo de participantes, entre os que destaca Hugo García do At. Portugalete.
Na proba máis longa da programación, os 3.000 metros, todo apunta a que tanto Sabela Castelo do Ourense Atletismo como Carlos Porto da Gimnástica sucederán no palmarés de campións a Laura Santos e El Mehdi El Nabaoui, ausentes para este certame por distintos compromisos.
Duelo de internacionais nos valos con presenza do plusmarquista galego absoluto Hugo Vázquez e do venezolano e internacional en combinadas, Gerson Vidal Izaguirre, nunha modalidade na que o lucense Santi Rozas terá moito que dicir. Na categoría feminina, ante a ausencia de Uxía Pereira, será Aroa Martínez do Rías Baixas quen asuma a condición de favorita diante de Teresa Rodríguez do Riazor Coruña, que con 33 anos, quere estrear a súa recente maternidade con todo un podio autonómico.
Sobre o listón de altura, Iria Solera de La Purísima e Adrian Pastoriza do At. Sada acuden coa mellor marca dos participantes, con 1.67 m. e 1.93 m. respectivamente, sen perder de vista ao atleta internacional Adolfo Sáinz-Maza do Celta Atletismo nin a David García do At. Santiago.
A pértega estará copada polos especialistas en combinadas Aitor Fernández do Super Amara BAT, Gerson Vidal Izaguirre do Unicaja Jaén e Adolfo Sáinz-Maza do Celta, todo apuntando a que Manuela Blanco do Ourense Atletismo -grazas aos seus 3.60 m. deste ano- estará no máis alto do podio, sendo as súas posibles acompañantes Bea Viteri do Samertolameu e Alexandra Lence do Celta Atletismo.
Tanto a viguesa internacional Olaia Gisela Becerril como o campión galego Sergio Coello da Gimnástica no concurso de lonxitude teñen todas as papeletas para sumar o título autonómico desta modalidade na que parten como favoritos. Sen abandonar o foso, o triplo contará coa actuación do plusmarquista galego absoluto Alfonso Palomanes da Gimnástica, que terá enfronte ao sadense Diego Míguez como serio rival. Pola súa banda, Uxía Paz parte como clara aspirante nun concurso de triplo no que tamén conta coa participación da subcampioa galega do 2024 Alba Martínez do Ourense Atletismo.
Por último, en peso, e ante a ausencia por compromisos da olímpica Belén Toimil, o título podería estar entre a campioa galega Raquel Villa do Celta Atletismo -ás portas dos doce metros este ano- e a internacional Xiana Lago do Ría Ferrol. Pola súa banda, nos homes, un excelente Fernando Vallines no comezo desta tempada terá diante nada menos que ao campión galego absoluto Miguel Angel Granado de Celta como serio aspirante a reeditar o campionato.