viernes. 22.11.2024

A Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá na vindeira semana a celebración do simposio 'Carlos Velo na memoria. 110 anos', unha iniciativa promovida pola facultade en colaboración coa Fundación Carlos Velo.

As xornadas de traballo incidirán na figura e na obra de Carlos Velo

(Cartelle, Ourense, 1909 – Cidade de México, 1988) e desenvolveranse nas datas

próximas á conmemoración do 110 aniversario do seu nacemento: o 15 de novembro

de 1909 nacía o director cinematográfico en Pereiros, Cartelle.

Autor de documentais e películas como 'Galicia', 'Almadrabas', 'Romancero marroquí', 'Torero', 'Pedro Páramo', 'Universidad comprometida', 'Homenaje a León Felipe' e outras, Velo desenvolveu a súa carreira profesional entre España –de onde tivo que fuxir para non ser represaliado logo da Guerra Civil- e México, o seu país de acollida. Xunto á súa faceta como realizador tamén exerceu a docencia, en Madrid viviu a época da Residencia de Estudiantes antes da guerra e licenciouse en Bioloxía, e xogou un papel esencial na formación das novas xeracións de documentalistas e directores de cinema en México, ao ser o creador do Centro de Capacitación Cinematográfica de México en 1975.

Sempre comprometido con Galicia, entre outros proxectos foi un dos promotores e directores da revista 'Vieiros', que se editou en México entre os anos 1959 e 1968.

Aspectos como o papel xogado por Carlos Velo no cine científico realizado no seu país de acollida, as obras audiovisuais vencelladas ao exilio, a análise de títulos como 'Torero', 'Pedro Páramo', 'Almadrabas' ou 'Romancero marroquí' ou as súas referencias intelectuais e políticas serán aspectos nos que se incidirán durante os días 27 e 28 na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

En 'Carlos Velo na memoria. 110 anos' participarán persoas que mantiveron relación co director, investigadores cinematográficos e estudosos da súa obra. Entre outros estará nas xornadas de Compostela Iván Trujillo –discípulo de Velo, exdirector do Festival de Cine de Guadalajara (México) e director da Televisión da Unam (Universidade Autómnoma de México)-, Miguel Anxo Fernández –autor da súa biografía e de varias obras sobre o realizador-, Luís Álvarez Pousa –amigo de Velo e organizador da homenaxe que se lle tributou nas Xornada de Cine de Ourense de 1977-, José María Paz Gago, Fernando Redondo –autor de 'Carlos Velo: itinerarios do documental nos anos trinta'-, Xosé Nogueira e Xosé Enrique Acuña.

As sesións desenvolveranse na Sala de Visionado 1 da Facultade de Ciencias

da Comunicación.

O simposio 'Carlos Velo na Memoria. 110 anos' conta co apoio e o patrocinio da Consellería de Cultura e a Deputación de Ourense. A matrícula é de balde e todos os datos referidos ao mesmo poden consultarse na web da fundación .  

Un simposio revisará a figura e a obra de Carlos Velo no 110 aniversario do seu nacemento