Tui rendeu homenaxe, este mércores, a quen Valentín Carrera, director da serie documental "Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia", definiu como "o home global". Con dúas terceiras partes do aforo, o teatro municipal acolleu unha presentación conducida por Rafael Bargiela que deu paso á intervencións do bispo de Tui-Vigo, mons. Antonio Valín, o alcalde Enrique Cabaleiro e o propio Carrera.
Nun discurso apaixonado, Carrera agradeceu a colaboración de todos os que fixeron posible a serie e enxalzou a figura de Salvado. Explicou que a TVG se implicou no proxecto porque Rosendo Salvado era "un dos bos e xenerosos de Galicia" e merecía un lugar no Panteón de galegos ilustres, xunto a Rosalía, Castelao e Ramón Cabanillas.
"Hai tres bieitos inmensos na historia de Galicia: o padre Sarmiento, o padre Benito Feijoo e o padre Rosendo Salvado. Os tres tiñan que estar nesa "alba de gloria", que dicía Castelao, cos grandes personaxes da cultura galega", afirmou Carrera.
O director da serie destacou a falta de producións audiovisuais sobre Salvado en Galicia, a pesar da gran cantidade de material bibliográfico existente, especialmente en Australia. "O Occidente de Australia ten estudado a obra de Salvado máis ca nós", lamentou.
A serie, dividida en catro capítulos de 26 minutos cada un, narra a vida de Salvado desde que abandonou Tui ata a súa morte en Roma. O cuarto capítulo, que non se proxectou na estrea, aborda a herdanza de Salvado.
Carrera subliñou a importancia do legado de Salvado, como a súa loita contra a escravitude, a defensa da igualdade da muller e a súa capacidade para comunicarse cos pobos indíxenas. "Salvado foi un neno da posguerra que se converteu nun personaxe global, o primeiro globalizador", afirmou. Un home cunha ampla formación e coñecementos de diversas linguas, que deixou unha profunda pegada en Australia.