O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico numerario da RAGC. Mañá martes, 15 de novembro, terá lugar unha nova conferencia deste ciclo, que versará sobre a valoración económica das externalidades da Rede Natura en Galicia. Impartiraa Mario Soliño, científico titular do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (Consello Superior de Investigacións Cientíticas).
O científico sinala que “a valoración que os cidadáns fan do medioambiente vai máis aló do valor comercializable derivado do mesmo. Dado que os individuos non teñen un mesmo patrón de preferencias, determinadas condicións ambientais serán percibidas de forma diferente e os valores asociados ás mesmas variarán entre os cidadáns”. Nesta liña, salienta que no estudo económico dos recursos naturais e ambientais, considerar exclusivamente bens e servizos con mercado e, por tanto, ter en conta só valores de uso, supón realizar unha análise parcial. “Eses valores atenden unicamente a unha fracción do valor económico total ao non terse en consideración multitude de externalidades ambientais que, aínda que cun valor indiscutible, son introducidas a miúdo a prezo cero nos procesos de toma de decisións. É dicir, aínda que os cidadáns atribúen ao coñecemento ambiental, histórico ou ao significado cultural un valor, este non se internaliza nas relacións de intercambio de mercado ao non ter asociado un prezo” -explica o experto-.
No caso particular dos espazos naturais da Rede Natura 2000, Soliño indica que “a magnitude dos valores de conservación é moi notable, polo que resulta especialmente relevante incluílos nos procesos de xestión e toma de decisións”. Apunta que desde mediados do século XX desenvolvéronse diversos métodos de valoración económica que permiten imputar un prezo a eses bens e servizos ambientais sen mercado. Estes métodos fan posible estimar o valor económico total de bens e servizos ambientais.
“Respecto á Rede Natura en Galicia, debemos coñecer a importancia relativa que diferentes características destes espazos naturais teñen para os individuos que os gozan directa ou indirectamente e, deste xeito, poder dispor de nova información que axudará a establecer prioridades de xestión e a reducir conflitos de conservación” -afirma-.
EXPERTO NA VALORACIÓN ECONÓMICA DOS RECURSOS NATURAIS
Mario Soliño foi profesor asociado na Universidade de Vigo, investigador titular no Centro de Investigación Forestal do INIA (Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria do CSIC) e profesor titular do Departamento de Análise Económica e Economía Cuantitativa da Universidade Complutense de Madrid. É doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Vigo. Na actualidade é científico titular do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.
A súa área de investigación céntrase na economía ambiental e dos recursos naturais, en particular na valoración económica dos servizos ecosistémicos. Publicou máis de 100 traballos de investigación, maioritariamente en revistas científicas internacionais de recoñecido prestixio. As súas investigacións téñense aplicado a un amplo conxunto de problemas ambientais como a calidade de auga, enerxía, desenvolvemento rural, xestión forestal, contaminación ambiental, así como a conservación da biodiversidade e os espazos naturais protexidos. Recibiu o premio José Ramón Fontán por un traballo sobre a conservación da Rede Natura en Galicia.
INSCRICIÓN para participar gratuítamente en todas as conferencias.