Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, composto por José Luis Baños de Cos, dramaturgo; Ana San Fernando, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeira do Louro; e Raquel Castro, escritora e profesora, como secretaria do xurado, con e sen voto; o xoves 16 de maio, na sede da Editorial Galaxia decide declarar gañadora desta VII edición a obra Fóra de campo que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Rosalía Fernández Rial.
O xurado destaca da peza a súa temática acaída ao premio porque trata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso. Todo isto é transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida.
O venres 24 de maio, celebrarase, ás 19 h, no IES Ribeira do Louro do Porriño, a gala de entrega do premio.
Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.