lunes. 25.11.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu hoxe á segunda xornada do Resurrection Fest que ata mañá celebra a súa edición Limited, que lle permite reencontrarse co seu público nun formato especial e adaptado ás medidas sanitarias.

Na súa visita ao festival de Viveiro, o responsable de Cultura do Goberno galego agradeceu o tremendo esforzo feito pola organización deste festival para adaptarse a actual situación sanitaria e ofrecer unha cita que se sigue caracterizando pola súa calidade e que mantén intacta a súa esencia. “A celebración desta edición demostra o enorme esforzo que está facendo o sector para recuperar a normalidade e ofrecerlle ao público unha proposta segura desde a que evadirse a gozar da cultura”, salientou.

Ademais, Román Rodríguez lembrou que a Xunta patrocina esta cita a través da marca FEST Galicia e do Xacobeo 21-22 para a promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade. Ademais, o Resurrection Fest Limited é un dos 19 eventos adxudicatarios das subvencións autonómicas a festivais profesionais de música, que este ano introduciron unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación destes encontros a un contexto sanitario que continúa a condicionar a súa organización.

REACTIVACIÓN

Neste sentido, lembrou que a Xunta incrementou en 2021 o seu investimento neste ámbito como unha das medidas do Plan de reactivación do sector cultural. Así, as dúas principais vías de apoio económico do Goberno galego aos festivais profesionais de música suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Dunha banda, a través de FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 euros, un 25% mais que en 2020, para patrocinar os 13 festivais adheridos e, doutra, a devandita convocatoria de subvencións a festivais de música, que distribúe 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.

No cartel deste ano do Resurrection Fest, figuran coñecidas bandas da escena metal europea e estatal, como Kreator, Eluveitie, While She Spleeps, Angelus Apatrida, Jinger ou Destruction, ademais de bandas galegas como Bala, Aphonic ou True Mountains.

Resurrection Fest