A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024. O obxectivo destes galardóns é recoñecer casos de éxito de transferencia de coñecemento na comunidade e difundilos á cidadanía.
Os galardóns, que este ano celebran a súa décima edición, divídense en dúas categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” distingue un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O traballo pode ser inédito ou estar xa publicado con posterioridade a 2021.
O premio “Fernando Calvet Prats” destaca un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo creador da tecnoloxía transferida.
As dúas categorías están dotadas cada unha delas cun premio que ascende aos 5.000 euros e un diploma acreditativo. Poderán concorrer os investigadores das universidades galegas e dos centros de investigación, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias e demais organismos de investigación radicados en Galicia. Ao premio "Fernando Calvet Prats", os investigadores poderán concorrer conxuntamente con empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado en Galicia. En ningunha das dúas modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que xa recibisen o premio nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da Real Academia Galega de Ciencias.
O prazo para a recepción de solicitudes ábrese o 1 de marzo e pecharase o 30 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nas páxinas web da Academia (https://www.ragc.gal) e de Gain (http://gain.xunta.gal).
Máis información e bases: https://www.ragc.gal/gl/premios_transferencia_gal/