A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 19 de xuño, o acto de entrega de tres convocatorias de premios da institución, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. Trátase dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia e o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, ademais do Premio de Divulgación Científica 2024.
O evento contará coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e o presidente da RAGC, Juan Lema. Acudirán ademais a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares; o director de Augas de Galicia, Roi Fernández; Elena Vázquez Cendón, conselleira do Consello da Cultura Galega; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.