O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, entregaron na noite de onte martes o V Premio Laudamuco para textos teatrais ao escritor Vicente Piñeiro (Lugo, 1954) pola súa obra “Devólvenos a Xermánico”. Un certame convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas cun dobre obxectivo: poñer en valor a figura de Roberto Vidal Bolaño e cumprir o seu desexo de promover a escritura de teatro en galego. Un premio que está dotado con 7.000 euros, un trofeo en bronce deseñado polo prestixioso artista Xosé Vizoso e a edición da obra por parte de Edicións Positivas.
Vicente Piñeiro agradeceu o esforzo do Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas por promover un premio tan importante como o Laudamuco, o galardón con maior dotación económica dos que se convocan anualmente, e “por tantas mostras de afecto como levo recibidas”. No seu discurso de agradecemento, Piñeiro asegurou que este libro “é un aloumiño, un engado para seguir escribindo, para que os meus días teñen sentido porque, sen a cultura, estaría morto en vida”.
Así mesmo, explicou aos presentes como xurdiu “Devólvenos a Xermánico”: “unha vez, meu fillo díxome: papá, por que non escribes sobre Xermánico”. E recoñeceu que “este libro axudoume nos peores momentos da pandemia, cando escribín unha parte na casa do meu fillo, illado entre viñedos”.
41 TEXTOS PARTICIPANTES
Unha referencia, a da pandemia, á que tamén se referiu Sandy Cebral ao destacar que “o pano volve alzarse con normalidade e as únicas máscaras que hai hoxe entre nós son as propias do teatro”. A concelleira de Cultura agradeceu a colaboración da Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas “por axudarnos a poñer en marcha un dos premios máis importantes de Galicia”, poñendo en valor que “este ano sumamos 41 novos textos teatrais orixinais en galego, textos de gran calidade” que dan cumprimento ao obxectivo co que se creo o Premio Laudamuco: promover a escrita de teatro en galego.
Un punto no que coincidiu o director de Edicións Positivas, Francisco Macías, quen destacou que “o teatro é o xénero literario máis vivo, máis atrevido”, lamentando que “está un pouco desconsiderado pola crítica e polo público”. Un feito do que, dixo, se aproveita Edicións Positivas para publicar libros como “Devólvenos a Xermánico”, un exemplo “desa calidade literaria que hai no teatro galego neste momento”.
Finalmente, Luma Gómez, actriz e integrante da xunta directiva da Academia Galega de Teatro, salientou que “o Laudamuco é un premio que vai crecendo en número de textos e na súa calidade. Non quero desmerecer a ninguén das anteriores edicións, pero fomos avanzando ata un nivel importante na calidade dos textos premiados”.
XURADO
Luma Gómez tamén deu lectura á acta do xurado do Premio Laudamuco, conformado pola propia Academia Galega de Teatro e integrado por Francisca Abeledo Serén, Fabrice Corrons, Xosé Manuel Rabón, Francisco Oti Ríos e Eduardo Rodríguez Cunha, quen actuou como secretario. Un xurado que, despois dun extenso debate, acordou por maioría premiar a proposta de Vicente Piñeiro “pola súa perfección e estrutura dramatúrxica, pola temática histórica con excelencia documental o que dá como resultado unha obra teatral perfecta”.
Ao acto de entrega do premio asistiron medio cento de persoas, que desfrutaron dunha breve representación dun texto de Roberto Vidal Bolaño por parte do grupo Os Quinquilláns e tamén dunha posta en escena dun dos capítulos de “Devólvenos a Xermánico”, o que emocionou moito a Vicente Piñeiro, quen acudiu acompañado da súa dona. Tras a entrega do premio, todos os asistentes recibiron como agasallo unha copia do libro premiado editado por Edicións Positivas.
Vicente Piñeiro sucede así no palmarés do Premio Laudamuco a Paula Carballeira Cabana, Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas catro primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021) e na teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2022).