domingo. 24.11.2024

Novo ciclo de conferencias para divulgar a actualidade científica

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, froito dun convenio de colaboración entre as dúas entidades. A través desta iniciativa búscase conectar ao gran público con temas de actualidade científica que teñen unha notable repercusión social e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o importante labor de investigación que se leva a cabo na nosa comunidade en diferentes eidos. Desenvolverase a partir da vindeira semana, ao longo dos meses de abril, maio e xuño.  

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, froito dun convenio de colaboración entre as dúas entidades. A través desta iniciativa búscase conectar ao gran público con temas de actualidade científica que teñen unha notable repercusión social e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o importante labor de investigación que se leva a cabo na nosa comunidade en diferentes eidos. Desenvolverase a partir da vindeira semana, ao longo dos meses de abril, maio e xuño.  

A RAGC puxo en marcha este ciclo no ano 2020 en homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015, co propósito xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía. O presidente da RAGC, Juan Lema, manifesta o seu “agradecemento á Deputación de Pontevedra, en particular ao seu presidente, Luis López Diéguez, polo seu compromiso coa divulgación científica e a súa colaboración coa Academia, de cara a favorecer que o conxunto da poboación coñeza a importante investigación que se realiza en Galicia desde os campos máis diversos”. E sinala que “iniciamos este quinto ano con moita ilusión, buscando temas con grande alcance social e seleccionando aos mellores expertos e expertas para transmitilos”.

Trataranse desde avances médicos, economía oceánica sostible, benestar psicolóxico, intelixencia artificial, ata o estudo dos fósiles en Galicia

O ciclo constará dun primeiro bloque de seis sesións online dirixidas ao público en xeral, coa participación de oito recoñecidos investigadores e investigadoras. Abordaranse temáticas tan diversas e actuais como os avances en epidemioloxía e terapia, a economía oceánica sostible, o benestar psicolóxico e a produtividade, a intelixencia artificial e o procesamento da linguaxe, as escavacións paleontolóxicas en Galicia ou a inmunoterapia vencellada ao cancro.

As primeiras conferencias do ciclo serán o 18 de abril. Mª Luz Couce, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), abordará a importancia do cribado neonatal. Pola súa parte, Eva Poveda, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), centrarase nos avances e retos actuais no estudo do VIH.

O 25 de abril intervirá Jesús Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos, decano da facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago. Explicará o valor do benestar psicolóxico na sociedade actual, poñendo en relación o equilibrio emocional co desempeño no traballo.

Na xornada do 16 de maio contarase coa participación de Sebastian Villasante, doutor en Economía Aplicada do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago. Falará sobre a relevancia dos alimentos mariños para a saúde do planeta e o benestar da humanidade.

O 23 de maio a relatora será Silvia García, investigadora do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. Achegarase ás aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural, abordando as novas tendencias e os desafíos actuais que presenta esta tecnoloxía.

Abordaranse desde avances no eido da Medicina, a importancia dos alimentos mariños, o benestar psicolóxico ou as aplicacións da intelixencia artificial

A xornada do 30 de maio estará dedicada ás escavacións paleontolóxicas que se realizan en Galicia. Para iso contarase coa participación de Aurora Grandal, profesora de Paleontoloxía e investigadora do Instituto de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal” da Universidade da Coruña.

A derradeira xornada deste ciclo celebrarase o día 6 de xuño. Por un lado, abordaranse os biomateriais na loita contra o cancro, da man de Bárbara Blanco, investigadora do Instituto de Materiais da Universidade de Santiago. Ademais, afondarase en novos paradigmas no tratamento do cancro a través das denominadas células CAR-T, tema sobre o que falará Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas  de Galicia.

A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/es/-/ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

 

O ciclo tamén fomenta as vocacións científicas nos centros de ensino

 

O ciclo consta dun segundo bloque de conferencias en institutos de Secundaria e Bacharelato, que se celebrarán a longo dos vindeiros meses. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas. Impartiranas recoñecidas investigadoras e investigadores da nosa comunidade, que abordarán temas moi atractivos para a rapazada.

Novo ciclo de conferencias para divulgar a actualidade científica
Comentarios