lunes. 25.11.2024

A Xunta de Galicia reforza o seu apoio ao sector da música ao vivo coa posta en marcha dun novo ciclo que, baixo o título Música en salas, ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa, á que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento de 200.000 euros, é froito do convenio asinado coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes.

Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados hoxe en Vigo no transcurso da presentación na que participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de Clubtura, Alberto Grandío, e o xerente de Músicas ao Vivo, Manuel Alonso. O acto, que tivo lugar en La Fábrica de Chocolate Club, contou cunha breve interpretación musical de Los EP, grupo que actuará nesta mesma sala viguesa o vindeiro día 16.

ESPAZOS CLAVES

O responsable de Industrias Culturais explicou que a través deste acordo con Clubtura, a única asociación galega que agrupa e representa os intereses das salas que programan música en directo, a Xunta recoñécelles a estes espazos o seu relevante papel no desenvolvemento da industria musical en Galicia.

Neste mesmo sentido, lembrou que Música en salas vén sumarse a medidas xa contempladas no plan autonómico de reactivación da cultura para incidir na dinamización dun sector que sufriu a práctica parálise durante a crise sanitaria. É o caso da liña extraordinaria de subvencións dirixida a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, a través da que a Xunta apoiou nos últimos cinco meses a celebración de preto doutros 400 concertos cun investimento de 560.000 euros nos 22 espazos adxudicatarios. Ademais, este tipo de establecementos xa foran destinatarios dun apoio específico en 2020 mediante o programa Directos Xacobeo’21 en Salas, que tivo que reformularse por mor da evolución da pandemia e pasar á gravación de concertos sen público coa súa posterior difusión a través das redes sociais.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, incidiu na importancia de que este ciclo de concertos se presente en Vigo “berce de grandes músicos”. Unha iniciativa que, segundo as súas palabras, será determinante para a posta en valor da escena musical viguesa, coa actuación de 16 grupos na Fábrica de Chocolate e na sala Kominsky. “Grupos que agora máis que nunca precisan do noso apoio nesta volta aos escenarios”, concluíu.

REFERENTES DO JAZZ GALEGO

Música en salas levantou o pano no Garufa Club da Coruña o pasado día 4 con le Rue Band e a súa aproximación ao jazz dos anos 20 do pasado século e rematará o 19 de decembro no Club Clavicémbalo de Lugo co rock e blues da Martins Aneiros Band.

Entre ambas as datas, actuarán neste ciclo referentes do jazz galego coma Juyma Estévez Trío, Sumrrá ou dATrío, nomes propios do soul como Adrián Costa ou da música urbana como Youcanthide. Tamén forman parte da programación representantes do hip hop en galego como Xeva, a proposta grunge e metal de Grima, a música lixeira de Tony Lomba, o indie de The Rapants, a viaxe de Belém Tajes ás súas orixes galaico-arxentinas ou o son enérxico, con perspectiva feminista e social, de Habelas Hailas, entre outras moitas propostas.

O calendario con todas as citas de Música en salas pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e da Agadic.

‘Música en salas’, 135 concertos de grupos galegos en dous meses