A Fundación Rosalía de Castro de Padrón albergará hoxe, ás oito da tarde, unha nova edición
das Conversas Nortear, que teñen como protagonistas às “Mulleres Escritoras” da Eurorrexión
Galicia – Norte de Portugal. A entrada é aberta ao público en xeral. As escritoras convidadas son
a galega María López Sández e a portuguesa Isabel Cristina Mateus, que estarán moderadas polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
No evento participarán tamén o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o
subdirector da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago, e o xefe da Divisão de Programação e Promoção Cultural da CCDR-Norte, I.P., João Ribeiro da Silva.
Estas conversas teñen como obxectivo promover o coñecemento e a circulación das expresións
culturais na Eurorrexión, a partir de dinámicas e redes de colaboración. Esta acción xurdiu a
través do Proxecto Nortear, de intercambio e cooperación cultural cofinanciado por INTERREG
VI-A POCTEP, no marco da Candidatura 0224_NORTEAR_GNP_1_E, recentemente aprobada.
Desenvolvida pola AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, a Consellería de Cultura,
Língua e Xuventude da Xunta de Galicia e a CCDR-Norte, I.P.
María López Sández (Lugo, 1973) é escritora, ensaísta e investigadora. Coa ‘Forma das nubes’
obtivo o Premio Repsol de Narrativa Breve en 2012 e un notable éxito no mercado editorial
galego. Está a ter unha excelente aceptación a súa última obra en galego: ‘O faro escuro’. É
doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de
Compostela e exerce a docencia no Ensino Secundario e na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Cursou estudos de Filoloxía Hispánica, Galego-Portuguesa e Inglesa e é especialista no estudo da cartografía como semiótica do espazo, na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, e na análise da obra de Rosalía de Castro.
En 2007, López Sández obtivo o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio pola obra ‘Paisaxe e nación:
a creación discursiva do territorio’, na que analiza o tratamento que Rosalía dá á paisaxe e o
funcionamento deste mecanismo descritivo desde unha perspectiva ideolóxica e identitaria. Foi
investigadora do proxecto ‘Unha análise da obra narrativa de Rosalía de Castro: fundamentos
teóricos e metodolóxicos’. É autora de diferentes artigos e estudos sobre Rosalía de Castro como ‘Rosalía e a paisaxe galega’ ou ‘Os efectos da aculturación’ en ‘El cadiceño’ de Rosalía de
Castro”. Participou en congresos internacionais con relatorios sobre a obra de Rosalía e
pronunciou conferencias centradas nos espazos literarios e a análise da obra desta autora.
Isabel Cristina Mateus é licenciada en Línguas e Literaturas Modernas pola Universidade de
Coimbra e doutorada en Ciencias da Literatura (Literatura Portuguesa) pola Universidade do
Minho, onde é profesora auxiliar na Escola de Letras, Artes e Ciencias Humanas e investigadora
integrada do Centro de Estudos Humanísticos (CEHUM). É membro da dirección da Asociación
Portuguesa de Escritores e da Comisión LATE (Liña de Apoio á Traducción e Edición) do Instituto
Camões, en representación da Asociación Portuguesa de Escritores.
É autora de ensaios sobre autores da literatura portuguesa moderna e contemporánea,
publicados en libro ou en revistas, entre os cales ‘Kodakização e Despolarização do Real: para
uma Poética do Grotesco na Obra de Fialho de Almeida’ (Caminho, 2008), distinguido co Premio
de Ensaio Óscar Lopes (2007) e o Premio de Ensaio Pen Clube (2008). É autora das rotas literarias Viajar com... Maria Ondina Braga (2018), DRCN/Opera Omnia e coautora de ‘Descobrir o Minho com Maria Ondina Braga’ (Consórcio Minho Inovação, 2023).
É coeditora de varios volumes temáticos, como ‘Carnets18. Chiens et écritures (littéraires,
filmiques, photographiques)’, (com Cristina Álvares, Sérgio Sousa, Ana Lúcia Curado), 2020;
‘Figuras do Animal. Literatura, cinema banda desenhada’. Famalicão. Húmus/Cehum, 2017.
NORTEAR é un proxecto de cooperación cultural desenvolvido na Eurorrexión para mellorar a
calidade de vida dos cidadáns a través da promoción conxunta da creación artística, o
coñecemento recíproco e a circulación da cultura nas redes colaborativas. Busca impulsar a
visibilidade do tecido creativo-cultural e estimular dinámicas de colaboración entre os axentes
culturais deste territorio para convertelo nun polo de referencia europeo na cooperación
cultural transfronteiriza. O punto de partida é o Programa NORTEAR, desenvolvido nos últimos
anos. Pretende, agora, dar novos pasos con iniciativas concebidas para facilitar a cooperación
entre artistas, cidadanía, comunidades e grupos culturais de Galicia e do Norte de Portugal. As
principais administracións culturais rexionais, a Consellería de Cultura, Língua e Xuventude da
Xunta de Galicia e a CCDR-Norte, I.P., xunto á AECT da Eurorrexión GNP, alíanse para impulsar
accións concretas como a promoción dos valores culturais da Eurorrexión, o desenvolvemento
do tecido empresarial eurorregional e o estímulo da creación literaria e artística.