O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que ofrecerá entre o 15 e o 23 de xullo máis de 20 espectáculos durante a súa 39ª edición. O representante da Xunta puxo en valor o festival ribadaviense como o “maior proxecto” de promoción teatral histórica de Galicia, ao tempo que celebrou a súa capacidade extraordinaria para a “protección e promoción” do noso patrimonio artístico.
O conselleiro subliñou o carácter de Ribadavia como epicentro do teatro en Galicia grazas a un festival que, a piques de cumprir catro décadas de traxectoria, é un dos acontecementos culturais “máis importantes” da nosa Comunidade. O apoio da Xunta á organización deste “escaparate fundamental” do sector escénico canalízase un ano máis a través do convenio de colaboración co Concello de Ribadavia que lle recoñece ao encontro o seu relevante papel no sistema escénico galego.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, xunto ao director da MIT, Roberto Pascual, participaron esta mañá na presentación xunto ao conselleiro, quen tamén lembrou “a proxección turística” dunha mostra que contará na súa nova entrega con artistas e compañías procedentes de España, Arxentina, Italia e Portugal.
O espectáculo multidisciplinar Fuck Me, da directora arxentina Marina Otero, protagonizará o 15 de xullo a apertura da MIT deste 2023. Será no Auditorio Rubén García ás 23,00 h. Ese mesmo día celebrarase a entrega do Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas, que este ano recae de forma conxunta nas figuras do xornalista Luís Álvarez Pousa e do director e dramaturgo Eduardo Alonso.
PRESENZA GALEGA
Roi Borrallas, que representará SOLO na Alameda á 01.00 h. do domingo 16, será o primeiro artista galego en actuar na 39ª Mostra de Ribadavia. Seguirán a súa senda compañías do país como son Talía Teatro, que ofrecerá o seu espectáculo A parábola do angazo dentro do programa SputMIT, igual que o farán o Colectivo Glovo coa súa peza Alleo ou Elahood, que levará até Ribadavia a súa proposta Intempestiva.
Matarile Teatro arribará ao escenario do Castelo o mércores 19 con Fráxil. Handle with care, unha coprodución xunto ao Centro Dramático e o Teatro Español dirixida por Ana Vallés. Ao día seguinte, o xoves 20, chegará a quenda da formación A Panadaría, que ofrecerá no mesmo recinto a súa obra As que limpan. A compañía constituída por AIlén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro será unha das grandes protagonista desta 39ª edición, xa que volverán actuar ao día seguinte cunha función especial de despedida da multipremiada Elisa e Marcela, que terá lugar na Igrexa da Madalena.
Pola súa banda, Producións Teatráis Excéntricas botará o peche o domingo 23 de xullo coa súa nova produción: O auto do Castromil. A obra, dirixida por Quico Cadaval e gañadora do Certame Manuel María de proxectos teatrais, leva a escena en coprodución co Centro Dramático Galego o texto de poeta da Terra Chá cun elenco conformado por Rocío González, Marcos Orsi, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez.
DENDE ITALIA E PORTUGAL
Nesta 39ª MIT, o programa inclúe artistas e compañías internacionais como os italianos Duo Kaos, que lle brindarán ao público a súa peza Time to Loop, ou o portugués Rui Paixão, que impartirá un curso de formación ao redor do xénero clown.
A presenza exterior complétase con nomes procedentes de diferentes puntos de España. Así, dende Madrid, chegarán formacións como a circense Kanbahiota, Teatro del Barrio, que traerá a súa peza Homenaxe a Billy el Niño, ou Compañía del Sr. Smith, que ofrecerá a obra If (La Ligereza). Procedente de Valencia actuará Maduixa coa montaxe Migrare e de Cataluña. Ademais, Brigitte Vasallo protagonizará dentro da programación estendida unha nova entrega de Residencias Paraíso, programa de fomento das artes do movemento xestionado polo Colectivo RPM coa Xunta de Galicia como principal entidade colaboradora.
O programa da Mostra de Ribadavia complétase con diferentes actos, entre os que cómpre destacar os coloquios coas compañías participantes no Museo Sefardí, presentacións de libros, animacións teatrais de rúa ou a entrega do Premio de Honra da Academia Galega de Teatro a actriz Rosa Álvarez.