viernes. 27.12.2024

'Mixturas' é o título dunha exposición plástica, asinada polo pintor Manuel Cerviño de Bueu, quen iniciara a súa traxectoria pictórica nunha época que pasou, por motivos de traballo, na Illa de Ons. Alén de artista, a súa faceta está relacionada coa xardinería botánica, na actualidade, no Pazo de Lourizán.

Comeza a súa andaina pictórica no 1998 con debuxos e, ao ano seguinte, dá o paso aos pinceis, sempre movéndose a través da mirada realista.

As cafeterías e os centros culturais, preto da súa contorna, foron os primeiros en amosar o seu traballo plástico, entre eles a Praza Massó de Bueu; o Ateneo Santa Cecilia de Marín; o Muelle Deportivo de Sanxenxo ou mesmo a Capela do Hospital de Cangas do Morrazo, ademais dalgún que outro galardón: o I e o II premio por "A mamá e a imaxe corporal" e "O lado feminino da vida", outorgados por ADICAM no 2012 e 2013, respectivamente.

Obra de Manuel Cerviño.
Obra de Manuel Cerviño.

En meses aínda recentes, mostrou a obra no Pazo dos Marqueses de Mos, do século XVI, un conxunto de obras, óleo sobre lenzo, en distintos formatos: "Cegoñas", "Gaviotas", "Flamencos", "Elvira e Esther", "Corda con mexillóns", "Praia de Cesantes", "Castro de Santa Tegra" ou o "Algarve portugués".

O próximo día 3 de xaneiro será na Casa dos Lemos de Chantada onde se poderán ver estas e outras telas co mesmo título, así como dará a coñecer aos chantadinos o libro recentemente saído do prelo co mesmo título da mostra.

No acto da presentación estará acompañado polo poeta Paco Ledo.

'Mixturas', a exposición de Manuel Cerviño chega á Casa dos Lemos de Chantada
Comentarios