Nova sesión do Programa Apego, que regresa a Ponteareas cunha nova historia coa que a cativada poderá pasar unha divertida tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. O vindeiro mércores 12 de abril a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá ás 18.00 horas a representación de ‘Leo e as cores’, de Trémola Teatro, un espectáculo recomendado especialmente para nenas e nenos de entre 6 meses e 4 anos.
Nesta actividade a rapazada e as persoas acompañantes descubrirán a historia de Leo, o león máis curioso de toda a selva. Un día unha chuvia de pompas quítalle ao Elefante Ante e á Tartaruga Uga as súas cores. Pero, será quen Leo de, coa axuda de nenas e nenos, devolverlle ás cores aos seus amigos e amigas? A través de diferentes elementos sensoriais, Leo axudará aos máis pequenos e pequenas da casa á gozar das cores.
A actividade será de balde, aínda que para poder asistir é necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 640 000, extensión 1010.
Esta actividade de Trémola Teatro está encadrada dentro do programa Apego, “un proxecto colectivo pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización da cativada de entre 0 e 6 anos no noso idioma”, como salienta o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. O edil convida a todas as familias con nenos e nenas desta idade a asistir a esta divertida actividade.