O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega este xoves ao IES de Salvaterra coa conferencia “O impacto das sustancias cotiás no noso material xenético”. A conferencia será impartida ás 11:30 horas por Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña.
Algunhas patoloxías, entre elas o cancro, están causadas por cambios xenéticos que alteran o funcionamento normal das células. Algúns destes cambios, tal e como explicará Valdiglesias, ocorren de forma natural por erros en procesos celulares, pero outros prodúcense como consecuencia de exposicións a distintos axentes químicos, físicos ou biolóxicos, e poden alterar o ADN. Con esta charla, preténdese achegar ao alumnado, dunha forma dinámica e amena, o mundo da toxicoloxía xenética e salientar a importancia do estudo dos efectos nocivos destes axentes sobre a saúde e o medio, así como o impacto dos distintos compostos sobre o material xenético e a súa relación con distintas enfermidades.
A charla “O impacto das sustancias cotiás no noso material xenético” completa as conferencias do ciclo Aida Fernández Ríos dirixidas a centros educativos organizadas neste 2024, tralo seu paso polo IES O Carril (Vilagarcía de Arousa) con “Explanetas e a nova ciencia da Astrobioloxía”; polo IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña) con “Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros” e polo IES Illa de Tambo (Marín) con “A intelixencia artificial nas nosas vidas”. Ademais destas charlas en centros educativos, o ciclo, liderado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, organizou tamén este ano conferencias dirixidas á cidadanía en xeral centradas nos avances en epidemioloxía, no benestar psicolóxico, na economía oceánica sostible, na intelixencia artificial e o procesamento da linguaxe, nas escavacións paleontolóxicas en Galicia e na inmunoterapia e o cancro.