martes. 14.05.2024

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vigo celebrou o 25 de Abril coa posta en escena da obra Día especial por parte do Grupo de Teatro do Vez, de Arcos de Valdevez, unha das compañías amadoras máis importantes do Norte de Portugal.

Non é primeira vez que este grupo de teatro portugués actúa na EOI de Vigo co gallo do aniversario da Revolução dos Cravos, da que este ano se cumpriu un aniversario moi especial, o 50. Máis unha vez, o artífice de que o Grupo de Teatro do Vez actuase na escola por esta data foi o profesor Miguel Coupeiro, xefe do Departamento de Portugués.

O acto rematou co canto do Grândola, vila morena do Zeca Afonso, a canción que terminou por se converter en símbolo da Revolución. Antes do inicio da obra, houbo un limiar en que un grupo de alumnos da EOI declamaron o poema As portas que Abril abriu, de José Carlos Ary dos Santos, o grande poeta portugués, autor das letras de cancións tan fermosas como Estrela da tarde, Cavalo à solta ou Lisboa, menina e moça. Tamén se repartiron caraveis, e cantouse o Grândola, que, como se dixo, volvería ser cantado ao final.

A acción desenvólvese durante a festa sorpresa de aniversario que o home e os pais dunha muller, doutora de profesión, lle dan a ela.

Con oito actores en escena –cinco mulleres e tres homes–, Día especial retrata momentos do cotián familiar típicos de pequenos conflitos, de amores e desamores, de tempo e da falta del, de fillos e preocupacións de quen non os ten, de (in)fidelidades, de de rotinas desgastantes e de profesións difíciles. Estamos perante un feixe de temas serios presentados de forma lixeira e divertida, onde cada un se pode ver no espello e observar o lado da intolerancia e impaciencia instaladas nas vidas pouco tranquilas dos nosos días.

A peza foi escrita por Margarida Dias, directora do grupo e alma mater deste canda a súa irmá Albertina. O remate, a autora explicou ao público que é a primeira obra longa que escribe, xa que, como profesora de escola que é, está afeita a escribir pezas máis curtas pensando nos seus alumnos. A ecenografía é de Sílvia Barbosa e Rui Barbosa.

O Grupo de Teatro do Vez fai do 25 de Abril un 'Día Especial' na EOI de Vigo
Comentarios