A sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas acollerá este domingo 14 de novembro ás 18.30 horas o espectáculo ‘Gloria nacional’, unha obra de Teatro do Noroeste que se representará ao abeiro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), da que forma parte o Concello de Ponteareas. A obra, dirixida a público adolescente e adulto, será de balde e con entrada libre por estrita orde de chegada.
Interpretada por Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuel Varela, esta peza teatral presenta unha reflexión sobre o lugar que ocupan a creación artística e a cultura na sociedade actual a través da figura de Uxío, un escultor e pintor considerado polos seus contemporáneos como unha gloria nacional pero en plena crise creativa. Unha reflexión sobre a arte e os procesos de creación nestes intres de incerteza e pandemia dende os puntos de vista do artista, do da política, do da sociedade e do da comercialización da obra artística.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta obra teatral chea de humor escrita e dirixida por Eduardo Alonso e na que “o público vaise divertir ao tempo que reflexiona sobre cuestións de actualidade e da realidade”.