jueves. 21.11.2024

'A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego'

A mostra, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, e que abrirá as súas portas para o público ao día seguinte (martes, 16 de abril), reúne un total de 73 obras doutros tantos fotógrafos de prensa que traballan para medios de comunicación ou como freelance na nosa comunidade.
Covelo, Entroido de Altura. Moncho Fuentes. Freelance. A Coruña.
Covelo, Entroido de Altura. Moncho Fuentes. Freelance. A Coruña.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, Pilar Muria, encabezarán mañá, luns 15 de abril, ás 13,30h, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a inauguración oficial da exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

A mostra, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, e que abrirá as súas portas para o público ao día seguinte (martes, 16 de abril), reúne un total de 73 obras doutros tantos fotógrafos de prensa que traballan para medios de comunicación ou como freelance na nosa comunidade.

A iniciativa procura poñer en valor o labor que desenvolven os reporteiros gráficos de Galicia -algúns deles, con décadas de experiencia-, dando a coñecer ao gran público unha representación da obra de cadanseu, que nalgúns casos son inéditas e, noutros, foron publicadas en medios impresos. Ao mesmo tempo, a APG e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia quixeron implicar na exposición a decenas de xornalistas que tamén desenvolven o seu labor en Galicia, a través da elaboración de lendas para cada unha das fotografías que se expoñen.

Máis aló da capacidade creativa dos seus autores e da instantánea de actualidade, as obras plasman diferentes aspectos da nosa realidade social, económica e política, dende a vertente máis dura ou crúa (lumes forestais, narcotráfico, conflitos laborais…), ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas, incluíndo tamén un bo número de imaxes de enorme beleza paisaxística ou que afondan na xeografía humana da comunidade.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público na Igrexa da Universidade de Santiago dende o 16 de abril ata o 15 de maio, de martes a sábado, en horario de 11,00h a 14,00h e de 17,00h a 20,30h, con acceso libre para tódalas persoas que desexen visitala.

'A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego'
Comentarios