Distintas cores, variedades, formas e tamaños da camelia locen con todo o seu esplendor hoxe e mañá no claustro da Catedral de Tui, onde este mediodía foi inaugurada a X Mostra da Camelia Cidade de Tui. O evento, organizado por ATUCA (Amigos Tudenses da Camelia), coa colaboración do Concello de Tui e outras entidades, consolídase como un escaparate da flor, da cidade e do territorio transfronteirizo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deu a benvida á cidade e á exposición, recordando que “hai dez anos que os responsables de ATUCA nos trasladaron esta feliz iniciativa de que Tui fose sede tamén dunha exposición”. Engadiu que era “unha materia pendente que tiña a cidade, que historicamente sempre englobou o mellor do patrimonio, da cultura… e botabamos en falta unha exposición deste calado e desta dimensión”. Salientou tamén o carácter transfronteirizo da mostra, que “une dous países, une dúas culturas, une dous pobos, e é a principal porta de entrada en Galicia e en España dende Portugal. Esta exposición tamén ten un carácter transfronteirizo que axuda a pola en valor”.
O deputado provincial Roberto Carrero destacou o esforzo colectivo que permite gozar destas “extraordinarias flores”, que, como lembrou, chegaron a Galicia dende Asia no século XVIII, aludindo tamén ao traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Carmen Salinero, presidenta da SEC (Sociedade Española da Camelia), subliñou a idoneidade do claustro catedralicio para esta mostra, facendo fincapé na “combinación entre a pedra e as flores”, que lle confire á exposición un carácter único. O presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, felicitou a ATUCA por este décimo aniversario.
A mostra conta tamén con expositores de Asturias, como o concello de Valdés. O seu concelleiro de Turismo, Ismael González, aludiu na inauguración ao Bosque Xardín de La Fonte Bax de Luarca, que conta cunha das máis importantes coleccións de camelias de Asturias. O deán da Catedral deu a benvida á Catedral e aludiu á celebración tan especial deste ano, o 800 aniversario da súa consagración. José Carlos Montes, presidente de ATUCA, agradeceu a colaboración de entidades e expositores, e salientou o traballo realizado nesta década para chegar ao momento actual da mostra. O acto inaugural contou coa actuación musical do grupo da Asociación do Traxe de Tui.
En máis de 125 metros cadrados de exposición danse cita 75 expositores de toda Galicia, Asturias e Portugal, que dende primeira hora se afanaron na montaxe das súas flores creando diferentes composicións e empregando como soporte distintos materiais como madeira, cristal, pedra ou mesmo zapatos de tacón. Moi presente tamén o traxe tradicional ou a propia Catedral en pezas de ExinCastillos. No claustro hai un derroche de imaxinación e creatividade por parte dos expositores, como o caso dun pavo real coa cola decorada con camelias que chegou dende un pequeno municipio asturiano.
A exposición abre hoxe domingo de 10.00 h a 14.00 h e de 16.30 h a 20.00 h.