O Museo das Peregrinacións e de Santiago vén de completar a súa programación de verán coa nova exposición In Itinere, na que o fotógrafo Javier Iglesias Ramos captura coa súa persoal visión a pegada que o Camiño de Santiago deixa en quen o percorre. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na súa apertura, onde salientou a orixinal proposta expositiva coa que se consigue “plasmar dun xeito artístico ese camiño interior que viven moitos peregrinos aos que o Camiño de Santiago lles deixa unha fonda pegada”.
Anxo M. Lorenzo referiuse tamén á traxectoria artística de Javier Iglesias Ramos que, desde os anos 90 ten realizado distintos traballos fotográficos, algúns deles premiados, moi vinculados ás perspectivas sociais. Ademais, animou a visitar esta exposición, que poderá verse durante todo o verán e que é unha das máis de 2.500 propostas que a Xunta de Galicia impulsa estes meses no marco do CulturON.
In Itinere está composta por un total de 41 fotografías nas que o autor recolle unha serie de retratos de peregrinos tanto no punto de partida do Camiño de Francés, en Roncesvalles, como na súa meta, en Santiago de Compostela. A súa intención é captar coa súa cámara as facianas dos peregrinos para amosar que, independentemente da motivación para realizar o Camiño de Santiago, as persoas viviron un camiño interior que as transforma á súa chegada.
Javier Iglesias naceu na Baña e na súa traxectoria profesional destacan proxectos como Sahara no Corazón, sobre a vida nos campamentos de refuxiados en Tinduf, así como distintos traballos sobre a problemática da drogadición ou a violencia de xénero.