Concha Monje, investigadora en Robótica e profesora catedrática da Universidad Carlos III de Madrid, participará no ciclo «Educación Século XXI» de Afundación este mércores 18 de outubro, na Sede Afundación de Vigo. Ofrecerá dúas conferencias baixo o título «Intelixencia artificial en robótica: retos e oportunidades», a primeira ás 11.00 h para público escolar, e a segunda ás 19.00 h para público xeral. O acceso é gratuíto, pero é necesario inscribirse previamente na web Ataquilla.com. Ademais, será emitida en directo a través do portal Afundación TV.
Esta actividade enmárcase na campaña «Cultura por alimentos», promovida por Afundación en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Así, o acceso será a cambio da doazón de alimentos non perecedoiros, que se depositarán nos contedores habilitados para tal efecto na sede.
«INTELIXENCIA ARTIFICIAL EN ROBÓTICA: RETOS E OPORTUNIDADES» POR CONCHA MONJE
Nesta conferencia abordarase a aplicación da intelixencia artificial no sector da robótica, analizando casos reais que permiten entender os retos aos que nos enfrontamos e as numerosas oportunidades que nos brinda o uso dos robots intelixentes na nosa sociedade.
Concha Monje é investigadora en Robótica e profesora catedrática da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M); Doutora pola Universidad de Estremadura (2006) con Premio Extraordinario de Doutoramento e Mención de Doutoramento Europeo. Actualmente desenvolve o seu labor investigador no grupo RoboticsLab da UC3M. Os seus traballos en robótica branda e control de sistemas son recoñecidos a nivel internacional. Colaborou activamente con centros de investigación de Estados Unidos, Francia, Alemaña, Italia e Singapur e dirixe varios proxectos sobre o desenvolvemento de robots asistenciais. Os seus traballos de investigación foron recoñecidos con premios como: Top 100 Mujeres Líderes en España (2021), Premio Gigante Estremeño (2019), Premio Ada Byron a la Mujer Tecnóloga da Universidadd de Deusto (2019), Premio de Excelencia á Investigación da UC3M (2018), Premio Mujer y Tecnología da Fundación Orange (2018) e Premio a Mejor Científica Contemporánea - Selección Española de Ciencia (2017), outorgado pola revista de divulgación científica QUO en colaboración co CSIC. Máis aló do seu labor investigador, é unha científica moi comprometida coa docencia universitaria e a divulgación científica. Participou en máis dun centenar de actividades de divulgación, entre as que destaca a súa colaboración na sección de ciencia do programa de radio Julia en la Onda, con Julia Otero en Onda Cero. Tamén traballou como asesora científica da película Autómata, producida e protagonizada por Antonio Banderas.
O ciclo de conferencias «Educación Século XXI» é xa un marco de referencia de encontro para todas as persoas integrantes da comunidade educativa. Neste sentido, ademais de contar con numerosos relatores de prestixio que abordan cuestións innovadoras no ámbito pedagóxico, Afundación quere poñer o foco tamén sobre a importancia dunha educación na que os valores éticos sexan a pedra angular. Para iso, a entidade considera que un dos temas prioritarios é a difusión e a concienciación sobre a necesidade de fomentar o respecto desde a infancia e mocidade, poñendo en valor a importancia da saúde emocional para este proceso de convivencia.