A Xunta de Galicia convida as familias a gozar este verán dunha das citas clásicas do Gaiás, Cidade imaxinaria, que regresa tras un parón ocasionado pola pandemia. Esta xornada lúdica e familiar que enche de fantasía a Cidade da Cultura volve celebrarse este ano o sábado 9 de setembro cunha proposta de xogos e espectáculos para mergullar a pequenos e maiores na maxia e ilusión do circo.
Desde as 11,00 ata as 20,30 horas, malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con xogos de enxeño, teatro de rúa, e instalacións de gran formato que transportarán aos máis pequenos e pequenas a mundos soñados.
En total, serán unha vintena de compañías —procedentes de Bélxica, Italia, Portugal, Valencia, Cataluña, Madrid e Galicia— con outras tantas propostas lúdicas ao longo de toda a xornada. Trátase dun completo programa, ao aire libre e de balde, co que o Gaiás despedirá a súa programación do verán a só dous días do comezo do curso escolar
CITA CLÁSICA
Celebrada entre 2011 e 2019, a Cidade imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás, que congregou milleiros de familias ao longo das súas doce edicións. Tras un parón provocado en 2020 pola pandemia, o evento regresa ao grande en 2023 nun formato de xornada completa e numerosos espectáculos que se sucederán en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura.
O Gaiás acollerá así funcións de novo circo, clown, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para cortar o alento. Divertidas actuacións itinerantes, unha escoliña de saltimbanquis para a cativada, exhibición de papaventos, xogos de enxeño e habilidade, e un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos completan esta oferta de ocio familiar da Cidade imaxinaria na que, ademais, se habilitarán zonas para repor enerxías con postos de bebida e petiscos doces e salgados para o xantar e a merenda.