A Cidade da Cultura estrea hoxe Hamlet, o de Cunqueiro, unha visión renovada da peza teatral que busca a complicidade e interacción co público para axudar a resolver os enigmas que atormentan ao Príncipe de Dinamarca. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu esta tarde á primeira representación da obra, impulsada pola Xunta de Galicia a través das Residencias Artísticas do Gaiás e en colaboración co Centro Dramático Galego.
O proxecto forma parte do ciclo Clásicas desfeitas, aposta do Goberno galego por apoiar a creación escénica actualizando obras da literatura galega e universal. Neste caso, a obra que se representa este venres e sábado na Cidade da Cultura parte de O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, que se transforma incorporando mecánicas como a exploración e a interacción con obxectos propias do deseño de videoxogos.
Trátase dunha produción internacional na que colaboran o grupo de innovación docente ComTecArt, da Universidade de Vigo, a compañía galega Marinita y sus Maromas e a brasileira Boccaccione. A dramaturxia bebe tanto de Cunqueiro coma de Shakespeare, e engade elementos do relato A cartomante, do afamado autor brasileiro Machado de Assis.
A peza caracterízase tamén polo seu carácter itinerante, tirando proveito de diferentes espazos do Gaiás como escenario —o edificio CINC, a galería de servizos do Gaiás e as Torres Hejduk— e por propor a participación da audiencia no desenvolvemento da trama. A función do sábado ás 18,00 h está adaptada para persoas con mobilidade reducida.
As últimas entradas poden adquirirse a un prezo de 9€ en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.