O Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga reestrean este xoves no Salón Teatro de Santiago a súa produción A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (A contenda do río Miño), versión da peza teatral escrita en 1671 por Gabriel Feixóo de Araúxo e da que se cumpre o 50º aniversario da súa primeira posta en escena pola compañía coruñesa Teatro Circo, da man de Manuel Lourenzo e José Estruch.
Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, anunciaron hoxe o regreso aos escenarios deste espectáculo, que poderá verse na sede da compañía da Xunta de Galicia ata o domingo 5 de febreiro. Tamén participou na presentación o elenco internacional, con intérpretes galegos e de fala portuguesa, que leva a escena a que é primeira peza teatral en lingua galega da que se ten constancia: Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, António Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Valentina Picciau, Solange Sá e o propio Fran Núñez, quen asumiu tamén a dirección artística co apoio dramatúrxico de Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga.
DIÁLOGO CREATIVO CON PORTUGAL
O responsable de Industrias Culturais da Xunta fixo referencia precisamente ao carácter internacional desta proposta e á fluidez do diálogo creativo coa formación lusa, que en 2021 propiciou a produción ad hoc de A contenda do río Miño para a súa estrea no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, coincidindo coa participación de Portugal como país convidado nesa edición. No verán desde ano escenificouse, ademais, en Ribeira de Caldelas (Tui), lugar onde está ambientada esta peza sobre as liortas pola pesca a ambas beiras do río, en Braga e na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recupera agora este espectáculo para ofrecerlle ao público galego unha nova oportunidade de se achegar a unha interesante historia sobre as fronteiras que unen e separan, así como sobre a loita polos recursos e de clases, abordados aquí como temas universais e atemporais que motivaron tanto o conflito recreado na obra do século XVII como outros moitos ao longo do tempo.
A contenda do río Miño inclúe fragmentos en galego, portugués e castelán, ao igual que o texto orixinal. A música e o baile teñen, ademais, especial protagonismo grazas ás composicións musicais de Xosé Lois Romero e Grasiela Muller, coa participación especial de Paulo Bragança, e ás coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego.
Os departamentos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga completan o equipo deste espectáculo nunha unión de esforzos que busca reafirmar a identidade común. Ademais, todo o material escénico e o atrezzo empregado foi recuperado e/ou reciclado de anteriores montaxes de ambas as formacións.
NOVE FUNCIÓNS NO SALÓN TEATRO
A contenda do río Miño ofrecerá nove pases no Salón Teatro do xoves 26 de xaneiro ao domingo 5 de febreiro, programadas ás 18,00 h. o mércores e os domingos e ás 20,00 h. os xoves, venres e sábados. Ademais, mañá mesmo terán lugar dúas representacións escolares ás que asistirá o alumnado de diferentes centros educativos da área compostelá.
Como vén sendo habitual neste espazo da Xunta, a do mércores será unha función descontraída cunha atmosfera máis relaxada do habitual, para facilitar a asistencia ao teatro e a comodidade de persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.
A compra de billetes xa está operativa no portal www.ataquilla.com e tamén poderán adquirirse no propio teatro desde dúas horas antes do comezo das representacións.