O Centro Dramático Galego e os teatros nacionais en lingua irlandesa (Fíbín – An Taibhdhearc) e galesa (Theatr Genedlaethol Cymru) están a sentar as bases creativas para a futura coprodución do espectáculo Vai en ven, Teacht Agus Imeacht, Dod Ac Mynd, nunha colaboración que nace en paralelo ao proxecto europeo Phōnē para a posta en valor das linguas minorizadas a través das artes escénicas. Con tal fin, Vigo e Santiago de Compostela acollen estes días dúas das residencias artísticas desta creación, a cargo do actor galego Avelino González e da irlandesa Caitriona Ní Dhomhnaill, co apoio de Steffan Donnelly, director artístico do Theatr Genedlaethol galés.
O Teatro Principal de Santiago será o escenario o vindeiro martes 28, ás 20,00 h., dunha mostra aberta ao público deste proceso. A entrada é libre ata completar a capacidade, do mesmo xeito que a que se ofrecerá hoxe mesmo no Centro Cultural Nautilus de Santo André de Comesaña, en Vigo.
Dáselle así continuidade ao traballo iniciado na estadía que tivo lugar entre o 10 e o 19 de novembro en Irlanda e que foi amosado na sede do Taibhdhearc en Galway no contexto do Ceangal, un encontro que reúne profesionais de Irlanda, Escocia e Gales que traballan arredor do teatro en linguas celtas desde diferentes ámbitos artísticos e académicos. Nesta ocasión, a iniciativa abriuse a Galicia a través da mostra deste work in progress e da participación de Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, quen compartiu cos asistentes as diferentes accións que a compañía pública galega está a desenvolver ao abeiro do proxecto Phōnē.
ASPIRACIÓN DA XERACIÓN NÓS
Este intercambio supón, á súa vez, un novo avance no proceso de internacionalización do teatro galego por medio da unidade de produción teatral da Xunta, que permite tecer lazos culturais con entidades promotoras das culturas celtas e recuperar, neste sentido, a antiga aspiración da Xeración Nós de nos conectar con Irlanda, Escocia, Gales e Bretaña.
En paralelo, avanzan os traballos ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, liderado pola Xunta de Galicia xunto a nove socios internacionais co obxectivo de contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística de Europa, conectando as persoas a través do teatro. A iniciativa, na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa de xeito transversal a través dos seus departamentos de Política Lingüística, Cultura e Industrias Culturais, con especial protagonismo do Centro Dramático, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas minorizadas, que prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vinculadas ao mundo teatral.
Neste marco, a compañía institucional galega está a producir a montaxe coa que conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario e para o que conta coa dramaturxia de Xacio Baño e Tamara Canosa, baixo a dirección artística desta última.
Así mesmo, Rafael Rey dirixe pola banda galega un espectáculo comunitario en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e co apoio da Dirección Xeral de Cultura. Dentro das actividades do Phōnē, a semana pasada tivo a oportunidade de participar nun encontro celebrado en Londres xunto ao resto dos responsables escénicos dos teatros asociados cos que se está a construír a montaxe internacional que verá a luz en 2024.