A lenda do pop-rock internacional Bonnie Tyler atópase xa en Santiago de Compostela para preparar o concerto que ofrecerá mañá no Multiúsos Fontes do Sar dentro da programación promovida pola Xunta de Galicia co gallo do Xacobeo 21-22. A súa actuación, organizada polo Festival Vilablues, conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria extraordinaria de axudas para contribuír á recuperación económica das promotoras musicais independentes fronte ao impacto da crise sanitaria.
A cantante galesa mantivo un encontro cos medios de comunicación este mediodía, no que estivo acompañada por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Gumer Meijón, responsable de Mulas Producións, promotora tanto do Festival Vilablues como do concerto de mañá.
Esta empresa galega é unha das 17 adxudicatarias da devandita liña de subvencións para espectáculos musicais do Xacobeo 21-22. A través dela, distribuíronse 850.000 euros entre diferentes ciclos e shows que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como do panorama nacional e internacional.
NOVOS TEMAS
É o caso de Bonnie Tyler, quen presentará en directo os temas do seu oitavo álbum de estudio, The Best Is Yet to Come, un traballo de pop-rock con marcadas influencias dos anos 80 e que inclúe tanto temas orixinais como catro versións. A lendaria cantante, posuidora dunha das voces máis singulares do panorama internacional, repasará tamén os seus grandes éxitos, como It’s a Heartache, Total Eclipse of the Geart ou Holding Out for a Hero, entre outros.
O concerto de Bonnie Tyler, que dará comezo ás 22,15 h., estará precedido polas actuacións do dúo Blues do País, coa súa reinterpretación en clave galega dos clásicos deste xénero, e de Duendeneta Dilleis.
As entradas dispoñibles poden adquirirse na web woutick.es e mañá no despacho de billetes do propio Multiúsos Fontes do Sar, que abrirá o acceso ao recinto do concerto ás 20,00 h.