lunes. 25.11.2024

Ponteareas acollerá este venres 3 de decembro un concerto de piano a cargo da viguesa Alba Raña, que traerá a música de Bach, Mozart, Chopin e Ravel á sala multiúsos do auditorio municipal.  A Concellaría de Cultura, dirixida por Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar neste espectáculo que comezará ás 20.00 horas e que terá entrada de balde ata completar localidades. “A música clásica está moi enraizada na nosa vila e nas e nos nosos músicos e compositores e temos que fomentar actividades que nos alimenten ese talento de noso”, sinala Groba.

A pesar da súa xuventude, Alba Raña xa ten unha dilatada carreira musical. Con apenas tres anos tiña o seu primeiro contacto co piano da man de Alina Pociute, profesora fundamental na súa formación musical. En 2016, con 15 anos, obtén o primeiro lugar na proba de acceso a grao profesional e é elixida para participar como alumna activa na Ingenium Academy International Summer School for Music, onde recibiu clases de docentes de renome e foi galardoada co Chopin Award for the best interpretation pola súa audición final.

Dende entón atesoura numerosos premios, como o terceiro premio e o accésit á mellor interpretación das obras obrigadas no Concurso Nacional Reveriano Soutullo de Ponteareas, o Premio Extraordinario de Ensinanzas Artísticas na especialidade de piano, o primeiro premio absoluto no Concurso de Solistas do Conservatorio Superior de Música de Vigo ou o 3º premio absoluto na categoría Expert do concurso Medici International Music Competition e o premio Pepito Arriola ao mellor pianista galego do V Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo.

O pasado mes de xuño admitírona na última fase das probas de acceso á Hochschule für Musik, Theater und Medien Hannover, entre candidaturas de múltiples nacionalidades. Na actualidade, Raña compaxina os seus estudos de grao superior na especialidade de Pedagoxía Xeral e da Linguaxe Musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo co Grao en Historia da Arte na UNED.

Alba Raña interpreta al piano música de Bach, Mozart, Chopin e Ravel