Co obxectivo de mellorar a visibilidade dos talentos creativos e dos emprendedores culturais da Eurorrexión, a AECT Galicia – Norte de Portugal outorgará no vindeiro 20 de xullo, na antiga ponte internacional sobre o río Miño, entre Tui e Valença, o premio Talento Eurorrexión 2024. Esta acción realizarase en paralelo ao IKFEM Festival 2024, iniciativa cultural transfronteiriza cunha traxectoria e proxección consolidadas e que conta desde o seu comezo co apoio institucional da AECT Galicia – Norte de Portugal.
Este recoñecemento pretende dinamizar o talento creativo existente nos dous territorios e converterse nunha referencia na promoción e difusión da actividade dos creadores culturais da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. A colaboración co IKFEM Festival permitirá aumentar o impacto desta iniciativa, ademais de poñer en valor o talento de artistas emerxentes seleccionados para a súa participación na exposición IKFEM Creativa.
Os interesados en presentar os seus proxectos teñen aberto o prazo ata o 7 de xullo e poden inscribirse en www.ikfem.com.
- O premio:
Durante a semana anterior á mostra, e a través das redes sociais da AECT da Eurorrexión, mostrarase a obra destes creadores para que o público poida coñecer a todos os creativos participantes.
O xurado estará composto por representantes da AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal e do IKFEM.
O 20 de xullo é o dia escollido para dar a coñecer o nome do gañador, na emblemática Ponte Internacional Tui -Valença, ao que se lle entregará unha escultura creada para a ocasión pola prestixiosa artista galega CH Sueiro como recoñecemento ao seu Talento Eurorrexión 2024.
- O proxecto:
O Talento Eurorrexión é unha nova iniciativa desenvolvida no ámbito do consolidado proxecto de intercambio cultural Nortear, cofinanciado por INTERREG VI-A POCTEP, no marco da Candidatura NORTEAR GNP 1E.