A segunda canle da TVG vai emitir este sábado, 16 de maio, a estrea televisiva da ópera galega A amnesia de Clío do compositor Fernando Buíde e texto do dramaturgo Fernando Epelde. Será ás 22.45 horas, no marco da programación especial do Día das Letras Galegas. Ao día seguinte, o domingo 17, haberá unha redifusión da ópera arredor da medianoite na primeira canle da TVG.
A Real Filharmonía de Galicia estreou
esta ópera en novembro de 2019 no Auditorio de Galicia, en Santiago de
Compostela, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel,
coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo. Tamén
se representou no Teatro Colón da Coruña e no Auditorio Municipal de Ourense
(neste caso en versión concerto).
A ópera A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora -con
dirección escénica de Marta Pazos- e
o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Centro Dramático Galego, Xunta
de Galicia e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; realizada
co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela e o
Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun
proxecto desenvolto coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017
da Fundación BBVA.
O COMPOSITOR
O
compositor Fernando Buíde explica que A amnesia de Clío é
“unha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas se
entrecruzan para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e
outro na distopía, unha distopía escrita en clave feminista”. É unha ópera en
tres actos, froito de case dous anos de traballo do compositor, que aborda a
entrada da muller na alta política e no mundo da arte. A protagonista é a musa
Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha
vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.
GRANDES VOCES
O rol principal, o da musa Clío,
interprétao a soprano Raquel Lojendio.
O barítono Sebastià Peris desenvolve
o rol do expresidente dos Estados Unidos George W. Bush. Pola súa parte, a mezzosoprano
Marina Pardo interpreta a Angela
Merkel e á sarxento norteamericana Leslie Zimmerman. O elenco de voces complétao
o compostelán Orfeón Terra A Nosa, dirixido desde 1984 polo mestre Miro Moreira.
#AMiñaNoiteNaÓpera
Un dos principais esforzos da Real Filharmonía de Galicia oriéntase a
achegar a orquestra e a música clásica a todos os públicos. “Animamos aos
espectadores a gozar coa estrea televisiva desta ópera e convidamos ao público
a vivir esta experiencia dun xeito especial e a compartir a súa foto nas redes
sociais co hashtag #AMiñaNoiteNaÓpera” -sinalan desde a RFG-.