A segunda canle da TVG vai emitir este sábado, 16 de maio, a estrea televisiva da ópera galega A amnesia de Clío. Será ás 22:45 horas, no marco da programación especial do Día das Letras Galegas. Ao día seguinte, o domingo 17, haberá unha redifusión da ópera arredor da medianoite na primeira canle da TVG, na TVG internacional e en www.crtvg.es.
O compositor da ópera, Fernando Buíde, e a directora escénica e escenógrafa, Marta Pazos, manterán un encontro virtual co público antes da estrea. Será mañá xoves, 14 de maio, a partir das 19:00 horas. Realizarase a través das redes sociais da compañía Voadora (https://www.instagram.com/voadora_/), que coproduce este espectáculo xunto ao Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Centro Dramático Galego, Xunta de Galicia e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. A ópera está realizada co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela e o Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun proxecto desenvolto coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017 da Fundación BBVA.
A Real Filharmonía de Galicia estreou
esta ópera en novembro de 2019 no Auditorio de Galicia, en Santiago de
Compostela, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel,
coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo. Tamén
se representou no Teatro Colón da Coruña e no Auditorio Municipal de Ourense
(neste caso en versión concerto).
ENCONTROS
Na charla
previa á estrea intervirán o compositor Fernando Buíde e a directora escénica e escenógrafa
Marta Pazos. Fernando Buíde (Santiago,
1980) doutorouse na Universidade de Yale e foi compositor residente na Real
Academia de España en Roma. Durante a temporada 2014-15 foi o compositor
español actual máis programado por orquestras sinfónicas profesionais de
España. Entre outros premios recibiu o AEOS-BBVA na súa sétima edición, o premio
Michael Friedmann de investigación da Universidade de Yale ou o premio Harry
Archer de composición orquestral.
Buíde explica
que A amnesia de Clío é
“unha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas se
entrecruzan para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e
outro na distopía, unha distopía escrita en clave feminista”. É unha ópera en
tres actos, froito de case dous anos de traballo do compositor, que aborda a
entrada da muller na alta política e no mundo da arte. A protagonista é a musa
Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha
vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.
A
directora escénica da ópera, Marta Pazos (Pontevedra,
1976) é cofundadora e directora artística da compañía Voadora. Comeza a dirixir
en 2000. As súas creacións foron programadas no Centro Dramático Nacional,
Centro Dramático Galego, Temporada Alta, Festival de Almagro, Clásicos en
Alcalá, Olmedo Clásicos… Os espectáculos que dirixiu presentáronse en Brasil,
Mozambique, República Checa, Francia ou Portugal. Conta, entre outros galardóns,
con tres Premios de Teatro María Casares (dous como directora e un como
escenógrafa) e o terceiro premio do Certamen Nacional de Directoras de Torrejón.
Destaca a súa recente ópera Je suis narcissiste, estreada no Teatro Real
de Madrid.
GRANDES VOCES
En A amnesia de Clío o rol
principal, o da musa Clío, interprétao a soprano Raquel Lojendio. O barítono Sebastià
Peris desenvolve o rol do expresidente dos Estados Unidos George W. Bush. Pola
súa parte, a mezzosoprano Marina Pardo
interpreta a Angela Merkel e á sarxento norteamericana Leslie Zimmerman. O
elenco de voces complétao o compostelán Orfeón Terra A Nosa, dirixido desde
1984 polo mestre Miro Moreira.
#AMiñaNoiteNaÓpera
Un dos principais esforzos da Real Filharmonía de Galicia oriéntase a
achegar a orquestra e a música clásica a todos os públicos. “Animamos aos
espectadores a gozar coa estrea televisiva desta ópera e convidamos ao público
a vivir esta experiencia dun xeito especial e a compartir a súa foto nas redes
sociais co hashtag #AMiñaNoiteNaÓpera” -sinalan desde a RFG-.