Mistura Vocal, Kasual Quartet, Vocalis Contrasta e o Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valença brindarán este sábado, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui, o espectáculo musical “Nadal de Cristal”. A través da delicadeza do cristal e da música transmitirán sentimentos e enviarán unha mensaxe especial na Eurocidade.
Estas catro formacións, integradas por máis de 80 persoas, serán as protagonistas do Concerto de Nadal da Eurocidade, un evento que constitúe xa un elemento máis de unión entre Tui e Valença.
A dirección técnico-artística corresponde a Eva García e Juantxo García, e a dirección musical de Aloia Martínez. Sobre o escenario estará o cuarteto de jazz Kasual Quartet coa colaboración da cantante María Joao, doce nenos e nenas do coro infantil Vocalis Contrasta, 30 cativos e cativas do Coro da Academia de Música da Fortaleza de Valenç dirixidos por Joao Azevedo e acompañados polo pianista Antonio Kent Queener e os 37 cantores e cantoras do coro Mistura Vocal baixo a dirección de Aloia Martínez.
Preto de 250 persoas mercaron xa a súa entrada para este Concerto de Nadal da Eurocidade “Nadal de Cristal”. Están á venda até o sábado a través das páxinas web tui.gal e cm-valenca.pt aos prezos de 6€ e 4,5€ até dez minutos antes do inicio.