Cristina Fernández Davila (BNG) é, dende este venres, a nova alcaldesa de Ponteareas, tras obter a maioría absoluta dos votos da Corporación ao sumar 9 do BNG e 3 do PSOE. “Non existe unha honra maior que representar a todas as veciñas e veciños da nosa vila como alcaldesa de Ponteareas”, manifestou con emoción tras a súa proclamación.
Fernández Davila viña asumindo a alcaldía en funcións dende o pasado mes de decembro, suplindo ao xa excalcalde Xosé Represas. A alcaldesa nacionalista tivo palabras de agradecemento para el, asegurando que “é un orgullo para min poder recoller o testemuño que me transmite Xosé Represas, que sigue a ser o meu alcalde”.
“Deixa un gran legado co que traballar en equipo co obxectivo de poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde: unha cidade moderna, amable, creativa, dinámica; referente cultural e educativa; un espazo natural que será reclamo dun turismo selectivo e esixente, poñendo en valor o patrimonio inmaterial do Corpus e o noso río Tea como sinais de identidade” sinalou Davila, incidindo que o de Represas é “un legado cheo de proxectos, uns xa realizados, outros que se están a desenvolver e numerosas ideas, grandes coma el. Desenvolver e levar a termo ese deseño de cidade será o meu obxectivo nestes vindeiros anos”.
A alcaldesa de Ponteareas concluíu as lembranzas cun agradecemento para o seu antecesor. “Foi para min un privilexio traballar man a man baixo a dirección de Pepe Represas; deséxolle todo o mellor e agradezo a súa xenerosidade e confianza depositada en min durante estes mandatos”, destacou.
A situación sanitaria e económica derivada da pandemia da COVID-19 tamén estiveron presentes no discurso de Cristina Fdez. Davila, que se comprometeu a “seguir políticas que teñan como obxectivo transversal reactivar a actividade económica e o emprego, recuperando a ilusión das e dos ponteareáns”.