O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe o impulso da Xunta de Galicia á transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade. Heredia visitou en Vigo os establecementos Muebles Edra e Bajozerosnow, que participaron no programa de axudas para a modernización e a dixitalización dos comercios e obradoiros artesáns, co que o ano pasado se mobilizou un investimento público-privado de preto de 200.000 euros en 52 negocios da cidade, con axudas por máis de 157.000 euros.
Este ano este programa contará cun orzamento de 3 millóns de euros, e sumarase á axuda do fondo tecnolóxico, única dotada con fondos europeos Next Generation, e centrada en aspectos como a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a mellora da experiencia de compra dos usuarios. No mes de decembro lanzouse unha primeira convocatoria do fondo tecnolóxico, con 2,7 millóns de euros de orzamento. En fase de resolución, o programa tivo unha grande acollida, con máis de 367 axudas solicitadas. A segunda convocatoria publicarase nesta primavera cun importe de 2,9 millóns de euros, alcanzando así os 5,6 millóns de euros.
En total, este ano destínanse 24 millóns de euros a impulsar a competitividade do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación comercial e artesanal para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros. As medidas específicas para este ano da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que se suman aos apoios doutros departamentos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -como Inega e Igape-, así como da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, irán en liña co diagnóstico realizado co sector a partir de enquisas ás asociacións, estudos do sector e agrupacións sectoriais.