A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, a tenente de alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e a concelleira de ensino e benestar social de As Neves Pilar González Casas, mantiveron unha xuntanza de traballo para preparar as bases do Programa de Promoción da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero destinado a mulleres dos tres municipios, que suman mais de 23.000 habitantes.
As tres responsables municipais avanzaron as principais liñas de actuación, centradas en asesoramento integral, orientación e apoio psicolóxico, xurídico e laboral especializado e personalizado e en autoestima, formación e benestar das participantes.
Ademáis de reforzar a saúde física e mental e a formación, o Programa promoverá medidas de inserción laboral das mulleres a través de recursos e mediación directa coas empresas.
O Programa, que este ano está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, obtivo na edición de 2022 o maior número de puntos na valoración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. As tres responsables políticas confirmaron que de nova está prevista a xestión compartida, o que permite aforrar custos, mellorar a especialización profesional, eliminar duplicidades e incrementar a calidade dos servizos prestados ás mulleres.
O Programa, que contempla visitas a empresas e encontros grupais, valorizará o coñecemento e a experiencia mediante o debate, a cultura e o audiovisual.
Para Marta Valcárcel, estas actuacións protexen ademais ás mulleres que se enfrontan á violencia de xénero, asegurándolles unha atención profesional e integral. Sororidade, debate, compañeirismo e empoderamento. Estas son as verbas que quixo destacar Loli Castiñeira para referirse ás liñas mestras do programa, que inclúe módulos destinados á inserción laboral á medida. Pilar González Casas quixo subliñar o feito de que esta actuación compartida pode ser un paso máis para consolidar servizos municipais especializados, nomeadamente en zonas con maior dispersión de poboación.
Este é a segunda vez que Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves únense para traballar nun Programa conxunto e integral, fomentando a igualdade e previndo a violencia contra as mulleres.