jueves. 12.12.2024

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subiuse á bici esta fin de semana para participar nun dos adestramentos de DisCamino, unha asociación que desafía os límites e fai posible que persoas con discapacidade sensorial, física ou intelectual cumpran o seu soño de peregrinar a Compostela e vivan esta aventura como calquera outro peregrino.

“Unha experiencia moi positiva e enriquecedora que estou desexando repetir e que vos animo a probar”, afirmou Lorenzo tras unha hora de ruta. “Se algo se pon de manifesto é o valor do esforzo compartido, ningunha barreira é insuperable se a enfrontamos xuntos”. O alcalde agradeceu á súa copiloto, Bea, “este rato incrible que compartimos e que nos traerá moitos máis”, xa que o “empuxe e a ilusión de Bea son inspiradores e contaxiosos!”

DisCamino naceu en 2009 da man de Javier Pitillas e Gerardo, un mozo sordocego de Vigo que fixo o seu primeiro Camiño de Santiago pedaleando sobre un Copilot (triciclo tándem). Unha vez alcanzaron a Praza do Obradoiro, Gerardo díxolle “Javier, busca a máis persoas con problemas coma min para facer o Camiño moitos anos.” E nese momento, comezou esta aventura que xa conta con preto de 200 usuarios e usuarias e un gran equipo de apoio e intendencia.

DisCamino, una asociación que hace posible que personas con discapacidad puedan realizar el Camino de Santiago.
DisCamino, una asociación que hace posible que personas con discapacidad puedan realizar el Camino de Santiago.

Os seus principais obxectivos son fomentar a actividade físico-deportiva nas persoas con discapacidade e axudar a que todas as persoas que queiran poidan completar unha peregrinación a Santiago de Compostela. Pero DisCamino non é só a ruta, tamén a preparación física e mental necesaria para levar a cabo este reto e a ilusión de implicarse en algo que de seguro cambiará a vida de quen o experimente.

Para iso, durante todo o ano realizan sesións de adestramento como á que se sumou o alcalde do Porriño. As persoas interesadas poden participar os martes, xoves e sábados e pedalear durante unha hora, con bicis e sillas de montaña adaptadas. Todos os domingos faise tamén unha saída máis longa con sillas de rodas de montaña.

“Non teño máis que palabras de agradecemento e admiración a todas e todos eles, a Bea, Silvia, a todos os que rodaron comigo e por suposto a Javier Pitillas. Persoas como eles fan deste mundo un lugar mellor”, concluíu Lorenzo, explicando que “por iso terán sempre a man do noso Concello tendida para todo o que necesiten. De feito, xa estamos argallando varias actividades conxuntas no Porriño para que todo o mundo coñeza e participe do inmenso labor que fan.”

"O alcalde do Porriño participa en adestramento de DisCamino: "Unha experiencia...
Comentarios