jueves. 02.01.2025

Como xa é tradición, O Porriño adiantouse á Noitevella coa celebración do Pre-Fin de Ano Infantil o pasado 29 de decembro. Centos de nenos e nenas disfrutaron dunha mañá de música, diversión e actividades na Praza do Concello, dando así o pistoletazo de saída ás festividades de fin de ano na vila do Louro.

Desde as 11 da mañá, a praza converteuse nun escenario de maxia e ilusión, con animación, obradoiros navideños, personaxes infantís e música que animaron a grandes e pequenos. O momento culminante da xornada foron as badaladas infantís, especialmente pensadas para os máis pequenos.

Alma, Daniela e Triana foron as encargadas de conducir este acto tan especial, dando a benvida ao 2025 e transmitindo unha mensaxe de esperanza e optimismo: “Será un novo comezo para todos os nenos e nenas do Porriño. E por iso estamos aquí xuntos, porque nós somos como o novo ano, somos o futuro”.

PreFindeInfantil2
 

As mestras de cerimonia aproveitaron a ocasión para facer público un compromiso dos nenos e nenas da vila: “Hoxe aquí, xuntos, prometemos estudar un montón e aprobar todo no cole e no instituto. Prometemos que cada mala cara converterase nun sorriso este 2025 e cada mala palabra, nun abrazo”. Antes das badaladas, animaron a todos a comezar o ano “como se merece”.

Ás doce en punto, co reloxo do Concello marcando a hora, os nenos e nenas tomaron as súas uvas de gominola e brindaron con champán de chocolate, creando un momento inesquecible e cheo de alegría. O Pre-Fin de Ano Infantil do Porriño volveu ser un éxito, anticipando a ledicia das festas e reforzando o espírito comunitario na vila.

O Porriño celebra o Pre-Fin de Ano Infantil nunha xornada chea de ilusión e festa
Comentarios