750 mozos madrileños partiron o venres dende O Porriño cara Santiago de Compostela tras facer noite no pavillón municipal do Porriño. O seu obxectivo é chegar a Santiago este martes para participar na 'Peregrinación Europea de Jóvenes', un encontro no que mozos/as de todo o continente europeo peregrinan a visitar tumba do apóstolo. Inicialmente estaba prevista o pasado verán, pero por mor da pandemia e coa ampliación do Ano Santo ao 22 celebrarase este ano a primeira semana de agosto.
Á súa chegada á vila do Louro foron recibidos polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros, Abel Estévez e Carolina González, que lles desexaron unha boa estancia no pobo e un bo camiño. O rexedor fíxolles entrega de dúas bolas de pan do Porriño, o noso produto gastronómico por referencia, sabendo que “cando proben un pelisquiño terán que baixar a por máis ás nosas panaderías e establecementos de hostalería”. Lorenzo destacou a importancia que o Camiño de Santiago está a ter para o municipio como revulsivo económico e dinamizador do comercio e a hostalería local. “No que vai de ano recolleron a Compostela máis de 208.000 persoas, moitas delas tras completar o Camiño Portugués e pasar polo Porriño”, explicou o alcalde, “No pavillón municipal, que se habilita cando chegan grandes grupos a facer noite no pobo, xa pernoctaron no que vai de verán 1254 peregrinos e hai xa moitas reservas”.
Isto consolida unha oportunidade para o turismo no municipio, reportando importantes beneficios á economía local nun momento clave para a recuperación tras a pandemia. “Temos moito que ofrecer” , concluíu Lorenzo, “Quen nos visita repite e nós estamos encantados de recibir a todo o mundo”.