A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na presentación da nova App da Asociación de Comerciantes e Empresarios das Travesas (Aetravi) celebrada na sede da Cámara de Comercio. A representante autonómica felicitou ao colectivo por incorporar esta nova ferramenta tecnolóxica e animou á cidadanía a consumir no comercio local.
“Na época de Nadal na que estamos é moi importante comprar e apoiar a actividade de este tipo de comercio de proximidade, pero tamén ao longo de todo o ano”, destacou a delegada durante o acto celebrado na sede da Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
A presentación contou coa participación do presidente da Cámara de Comercio, José García Costas; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra e de Aetravi, Iván Iglesias, así como membros da xunta directiva desta asociación.
A delegada destacou o apoio da Xunta de Galicia durante a pasada pandemia con plans de comercio e salientou o actual compromiso do Goberno galego con iniciativas destinadas aos pequenos empresarios como os programas de dixitalización.
Segundo explicaron durante o acto, a nova App denominada “Travi Travi” supón unha ferramenta clave na aposta da asociación por sumarse á transformación dixital. Con ela, refórzase a colaboración entre os membros de Aetravi para alimentar sinerxias, logrando tamén por esta vía a mellora das relacións cos clientes, que poden gozar do acceso a ofertas e promocións exclusivas.
Trátase dunha aplicación moderna e de uso sinxelo coa que se pretende gañar en proximidade co cliente e dar valor á proximidade, ao comercio de proximidade. A aplicación permite a colaboración entre os establecementos adheridos á asociación e entre estes e a propia asociación, co obxectivo de favorecer a fidelización dos clientes de cada establecemento e buscando tamén a interacción dos clientes co resto dos establecementos asociados, o que permitirá atraer a novos compradores.