domingo. 24.11.2024

O Concello incentiva a compra no comercio local a través dun concurso no que os participantes optan a gañar unha noite para dúas persoas nun hotel burbulla localizado en Sanxenxo. No marco desta iniciativa, o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, visitou o municipio e repartiu rosas, xunto á alcaldesa, Nava Castro e o concelleiro da área, Ricardo González, co motivo da celebración do Día dos Namorados. Ademais, mantivo unha reunión co sector do comercio da vila.

Deste xeito, os veciños e as veciñas que desexen participar dispoñen ata o sábado 17 para cumprir cos requisitos. Isto é, realizar unha compra nun comercio local por un valor igual ou superior a 10 euros, realizar un selfie diante do establecemento e enviar a imaxe ao teléfono 673 855 422. O Concello subirá a fotografía ás redes oficiais e gañará aquela que se comparta máis veces.

A alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “o noso obxectivo é poñer en marcha diferentes iniciativas que animen aos veciños e as veciñas tanto da nosa vila como da nosa área de influencia a mercar en Ponteareas” e agradeceu ao director xeral de Comercio, Manuel Heredia, a súa visita “para apoiar estas accións que buscan o progreso do sector”.

Pola súa banda, o concelleiro Ricardo González, indicou que “esta actividade é unha mostra do que perseguimos desde a área de Comercio, o incentivo de que os nosos veciños e as nosas veciñas non marchen da vila para realizar as súas compras. Queremos que atopen aquí os alicientes necesarios, así que, ao longo do ano haberá máis actividades destas características”.

Ademais, o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, mantivo unha reunión co sector do comercio da vila na que explicou as distintas subvencións da Xunta de Galicia para a transformación dixital dos negocios.

Unha noite para dúas persoas nun hotel burbulla en Sanxenxo, reclamo para o comercio...
Comentarios